Xuízo do Alvia

A CIAF rexeitou en 2008 a instalación de balizas en saltos de velocidade como o de Angrois: "A curva estaría protexida"

O ex director de Seguridade de Renfe, Antonio Lanchares, á súa chegada ao xuízo esta terza feira. (Foto: César Arxina / Europa Press)
O antigo responsábel de Seguridade de Renfe, Antonio Lanchares, o hómologo de Andrés Cortabitarte no operador ferroviario, asegura que a CIAF desouviu esta proposta. 

O ex director de Seguridade na circulación de Renfe, Antonio Lanchares, apuntou esta terza feira á comisión de investigación de accidentes ferroviarias (CIAF), debido a que, segundo asegurou, a súa empresa propuxo en 2008 a instalación de balizas en saltos de velocidade como o que había en Angrois (Santiago de Compostela), mais a proposta foi rexeitada por este órgano.

"Se o que me pregunta é se Renfe tivese a capacidade de dispor balizas, disporía de balizas", destacou Lanchares a preguntas do fiscal, durante a súa comparecencia en calidade de testemuña-perito no xuízo polo accidente do tren Alvia en 2013.

Segundo afirmou, a CIAF "chegou á conclusión de que non era necesario" tras investigar varios sinistros anteriores ao da curva da Grandeira. "E as empresas ferroviarias pouco teñen que facer" ante esta conclusión, dixo.

"Ver, ese salto de velocidade viuse", respondeu, a cuestións do representante do Ministerio Público. "O que sucede é que desde o punto de vista das medidas, as que estaban no ámbito de Renfe son as que se adoptaron, e no ámbito de Adif podíase facer unha recomendación a Adif e non se fixo por outros casos", expuxo.

Neste senso, explicou que "había catro casos estudados pola CIAF", dos cales tres eran accidentes na rede Feve e un o de Medina del Campo en 2008, onde un tren tiña que respectar unha velocidade máxima a 90 e circulaba a 155, e descarrilou sen vítimas mortais.

"Tanto Renfe como a CIAF investigamos. Renfe recomendou a instalación dunha baliza. Esa recomendación non foi recollida pola CIAF e a partir de aí a Renfe quedounos claro cal era o criterio", incidiu.

Aliás, engadiu que se "as recomendacións da CIAF nese momento, en 2008, fosen as recomendacións que se fixeron en 2013", pasada a traxedia de Angrois, "a partir dese momento todos os saltos de velocidade estarían protexidos por baliza".