Xuízo do Alvia

Adif destina 60.000 euros a un técnico que comparecerá en dous meses no xuízo do Alvia

O xuízo polo accidente en Angrois decorre na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela (Álvaro Ballesteros / Europa Press).
Con data do pasado 25 de novembro, a plataforma de contratación do sector público acaba de publicar un anuncio de adxudicación por valor de 60.000 euros para o consultor Antonio Puyol, que comparecerá en dous meses no xuízo do Alvia.

En xaneiro de 2018, o instrutor da causa polo accidente do tren Alvia deu por presentado por parte do administrador de infraestruturas ferroviarias (Adif) un informe do consultor Antonio Puyol, ao que a empresa pública lle adxudicara por 58.900 euros (71.269 euros con impostos) a elaboración deste peritaxe, sobre "análise de risco" en relación co sinistro ferroviario ocorrido en Angrois (Santiago de Compostela) en xullo de 2013.

En setembro dese ano, este enxeñeiro, que dirixe a empresa especializada en instalacións ferroviarias Airtren, ratificou en sede xudicial a súa peritaxe. Entre outras teses, en consonancia co redactado no seu informe pericial, Puyol defendeu que a desconexión do sistema 'ERTMS' na curva da Grandeira, onde morreron 80 persoas e 145 resultaron feridas, "non afectaba á seguridade" do tramo.

Agora, con data do pasado 25 de novembro, a plataforma de contratación do sector público acaba de publicar outro anuncio de adxudicación por valor de 60.000 euros (72.600 euros con impostos) para Puyol, que comparecerá en dous meses no xuízo polo accidente de Angrois.

En concreto, adxudícanselle 'servizos para a análise técnica pericial e testifical relativo ao procedemento xudicial sobra a liña 082 entre Ourense e Santiago de Compostela'. Puyol está citado para declarar en calidade de perito o próximo 31 de xaneiro.

Licitado de novo por procedemento negociado sen publicidade, neste expediente consta que foi a oferta "economicamente máis vantaxosa" e dáselle un prazo de execución de 12 meses. Segundo fontes de Adif, o contrato "ten por obxecto actualizar o informe elaborado polo Sr. Puyol, á luz de todo o que se ha ir incorporando á causa tras a súa elaboración".

O xuízo

O xuízo polo sinistro ferroviario ocorrido en Angrois en xullo de 2013 comezou o pasado 6 de outubro na Cidade da Cultura, sede temporal do xulgado do penal número 2 de Santiago, que ten que determinar as responsabilidades polas que están procesados o maquinista Francisco Garzón e o ex xefe de seguridade de Adif Andrés Cortabitarte.

A Garzón xúlgaselle por tomar a curva cun exceso de velocidade ao frear tarde tras atender a chamada ao teléfono corporativo do interventor. Mentres, Cortabitarte senta no banco dos acusados pola análise de riscos. A ambos atribúenselles 80 supostos delitos de homicidio e 145 de lesións por imprudencia profesional grave.

“Xubilado activo” en Airtre

Precisamente para Airtren traballa, como "xubilado activo", Emilio Martín Lucas, quen compareceu a semana pasada en calidade de testemuña pericial no xuízo. Martín Lucas era un dos técnicos da unión temporal de empresas (UTE) que forneceu os sistemas de seguridade para Ourense-Santiago. Despois, de xullo de 2020 a abril de 2022, foi nomeado vocal da comisión de investigación de accidentes ferroviarios (CIAF).

Airtren defínese como unha compañía de enxeñaría especializada no mundo de instalacións ferroviarias e ofrece servizos de consultaría. Entre os seus clientes, segundo recolle a súa páxina web, están Adif, Renfe, o Ministerio de Fomento e a Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria.

Esta segunda feira comparecerá en calidade de testemuña pericial o que era director de seguridade na circulación de Renfe, Antonio Lanchares, que chegou a estar investigado en instrución e que presentou a súa dimisión tras reunirse as vítimas co ex ministro de Fomento José Luis Ábalos.