O pobo pide recuperar para si a Casa Cornide, fechada en mans dos Franco

Fernando Morán e Isabel Risco encarnaron a Franco e Carmen Polo na III Marcha Cívica, en 2022. (Foto: M. Dylan / Europa Press).
Defensa do Común convoca un acto o sábado 11 na praza de María Pita.

Defensa do Común ultima os preparativos para a convocatoria da IV Marcha Cívica pola Recuperación da Casa Cornide para o patrimonio público. "Dalgunha maneira seguimos ao pé da letra o que Manolo Rivas dixo na segunda marcha que se fixo, que foi o que defendemos sempre: estamos dispostos a facer a terceira, a cuarta, a quinta... as marchas que sexan necesarias até que ese inmóbel pase a mans do Concello da Coruña", afirma a Nós Diario Ricardo Vales, parte do colectivo.

Defensa do Común quere axitar as conciencias da veciñanza máis tamén de quen ten na súa man axilizar o procedemento para devolverlle ao pobo o patrimonio roubado. Será o sábado 11 ao mediodía na praza de María Pita. "Sairemos á rúa para lembrarlle ao Concello da Coruña e á Xunta da Galiza que poñan en marcha toda a maquinaria legal co obxectivo de que poidamos contar coa Casa Cornide de forma definitiva". A iniciativa conta co apoio de case medio cento de entidades.

Se hai cinco anos se acordou por unanimidade presentar os escritos no xulgado e están listos desde hai dous, cremos que xa é hora de cumprir con este mandato

Segundo lembra o sociólogo Manuel Monge a este xornal, "hai 50 meses –en 2019– aprobouse presentar nos xulgados a documentación requirida para recuperar a propiedade da Casa Cornide. Eses papeis, un informe xurídico e un informe histórico, están preparados desde hai dous anos, e o que imos pedir é que se presenten xa".

A alcaldesa da Coruña, Inés Rei, comprometeuse o pasado mes de setembro a reclamar a propiedade da Casa Cornide no prazo de 100 días, un período que sitúa a data límite nos primeiros días de 2024 e que obriga o Goberno local a impulsar unha acción municipal paralizada desde hai demasiado tempo. "Se hai cinco anos se acordou por unanimidade presentar os escritos no xulgado e están listos desde hai dous, cremos que xa é hora de cumprir con este mandato", recalca Monge.

Ben de Interese Cultural

Neste compás de espera a Xunta declarou a casa Cornide Ben de Interese Cultural, un recoñecemento que exixe á familia Franco abrila ao público cando menos catro días ao mes, definidos con antelación e, no mínimo, durante catro horas ao día; un precepto que non está a cumprir.

"Esa declaración foi unha vitoria importante", admite Monge, "pero a familia Franco négase a abrir o palacio como exixe a lei, polo que a Xunta debería exhortala a que o faga e canto antes".

Agora mesmo hai unha nova Lei de memoria democrática. Queremos que se aplique e se acabe cos privilexios das persoas implicadas no espolio da Casa Cornide

Ricardo Vales defende o rol axitador do movemento en defensa da memoria histórica."Temos crear ambiente e conciencia sobre a Casa Cornide. Hai moita xente despistada. Pensa que coa declaración BIC xa está todo feito. E non é verdade, a familia Franco segue a ser a titular da propiedade, arrebatada ao pobo da Coruña coa complicidade de figuras que aínda gozan de recoñecemento na cidade".

A cargo da "operación de roubo da Casa Cornide e do pazo de Meirás", explica Monge, estiveron polo menos tres persoas que aínda se citan como "coruñeses exemplares" cando non son máis que "significados franquistas ao servizo da ditadura e da familia Franco". Neste sentido, Defensa do Común reclama a retirada de rúas, retratos e distincións que manteñen Pedro Barrié, Alfonso Molina e Sergio Peñamaría. "Agora mesmo hai unha nova Lei de memoria democrática que, nos seus artigos 40 e 41 sinala a supresión de títulos nobiliarios e a retirada da distinción de Conde de Fenosa a Pedro Barrié pola súa vinculación co franquismo. Por iso insistimos en que se aplique a norma e se acabe cos privilexios destas persoas implicadas no espolio da Casa Cornide".