Opinión

Roteiros da vergoña

Para o sábado, 12 de marzo, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) convoca na cidade a Marcha Cívica - 6º Roteiro da vergoña, que comezará ás 12 horas na praza de María Pita, diante da casa natal de Pedro Barrié de la Maza. Estas andainas, que se inician en 2005, pretenden sinalar os restos do franquismo que hai que eliminar –110 que dependen do concello da Coruña e 37 da Deputación– difundindo unha biografía da personaxe franquista.

O Pleno da corporación municipal da Coruña de 6 de febreiro de 2017 acordaba, a iniciativa da CRMH, a creación do Consello da Memoria Democrática (CMD) que, cinco anos despois, aínda non comezou o debate da retirada dos restos do franquismo. A falta de vontade política é evidente. Ademais dun incumprimento reiterado dos acordos plenarios, o goberno municipal da Coruña está a practicar unha política escurantista para evitar un debate público e democrático, "secuestrando" durante un ano o informe encargado ao Instituto José Cornide que, na súa primeira fase, sinalaba a retirada de 14 rúas e distincións a significados franquistas. Ademais, non cumpre o acordo do Pleno de 2 de decembro de 2021 que "insta ao goberno municipal a iniciar un traballo de divulgación e a aplicar as recomendacións recollidas no informe".

O Pleno de 1 de outubro de 2020, a iniciativa de 24 entidades, aprobaba unha moción de apoio á II Marcha Cívica pola devolución da Coruña da Casa Cornide e "trasladar ao CMD que inclúa dentro do grupo de traballo para a eliminación da simboloxía franquista o estudo da retirada de rúas, retratos, placas, monólitos e todo tipo de distincións ás persoas [Pedro Barrié, Alfonso Molina e Sergio Peñamaría] que impulsaron, organizaron ou participaron no espolio do pazo de Meirás e da Casa Cornide para beneficio da familia do ditador Franco".

Este 6º Roteiro vai deixar claro que Pedro Barrié e Alfonso Molina non son "coruñeses exemplares", como difunde a propaganda oficial, senón significados franquistas ao servizo dunha ditadura criminal. O citado informe recolle unhas recomendacións sobre as cinco persoas, que van centrar este percorrido.

Pedro Barrié de la Maza. "Papel destacado no apoio aos sublevados e na represión de traballadores da entidade que presidía [Banco Pastor], polo que se lle deben retirar os honores concedidos". Barrié dá nome a unha avenida e ao dique de abrigo. Fillo Predilecto, Medalla de Ouro, retrato no concello, placas na súa casa natal e no dique de abrigo. 

Alfonso Molina Brandao. "Como presidente da Cámara de Propiedade iniciou procesos de depuración laboral, en cumprimento cos decretos da Xunta de Defensa Nacional. É, polo tanto, colaborador activo na represión e débenselle retirar os honores concedidos e cambiar o nome da avenida". Medalla de Ouro, Fillo Predilecto, monólito en Porta Real, retrato no concello, placa na súa casa natal.

Eduardo Sanjurjo de Carricarte. "Ademais de participar na Guerra Civil en apoio dos sublevados, tamén participou en varios tribunais militares, na súa calidade de vogal poñente, na represión física do franquismo. Toda unha vida dedicada, como falanxista, a consolidar o franquismo, motivos suficientes para que se lle retiren os honores concedidos no seu día". Dá nome a unha rúa e un colexio, Medalla de Ouro, retrato e busto detrás do concello.

Fernando Álvarez de Sotomayor. "Polo seu protagonismo e plena convicción a favor dos sublevados e a súa contribución ao trunfo do chamado Alzamiento Nacional, é candidato a que se lle retiren os honores concedidos polas corporacións municipais franquistas coruñesas durante a ditadura". Praza Pintor Sotomayor, Fillo Adoptivo, retrato na galería de alcaldes.

Ambrosio Feijoo Pardiñas. "Participación de forma activa na represión na Coruña e Asturias durante a Guerra Civil [presidiu como xeneral consellos de guerra] son motivos suficientes para que se aplique a actual Lei de Memoria Histórica para que se lle retire o honor de ter dedicada unha rúa".

Estes son os obxectivos dos Roteiros da vergoña: información e mobilización cívica para acabar cos restos do franquismo.

Comentarios