A Avogacía do Estado admite que a recuperación do pazo de Meirás para o público "aínda tardará un tempo"

A familia Franco aínda poderá usar a propiedade até que se execute a sentenza.
A sentenza, notificada esta semana, que ordena á familia Franco restituír o pazo de Meirás ao Estado español, ao anular a doazón da finca e o contrato de compravenda polos que a posesión pasou a mans do ditador, "despexa o camiño para a súa recuperación", mais non de maneira inmediata, segundo recoñeceu onte o avogado do Estado que exerceu a parte demandante no proceso xudicial. 

Para Javier Suárez, avogado do Estado xefe na Galiza, a resolución do xulgado de primeira instancia número 1 da Coruña, derivada do xuízo que se desenvolveu en xullo, é importante "polo valor simbólico que ten esa propiedade e pola dimensión histórica".

Dela, o representante da Administración xeral do Estado no procedemento salientou que é "moi contundente" e que está "solidamente argumentada", polo que se mostrou convencido de que despexa o camiño malia os posíbeis recursos.

O letrado que representa os herdeiros do ditador xa avanzou nas últimas horas que recorrerá perante a Audiencia coruñesa, cualificando a sentenza como "tecnicamente deficiente". 

Nela, a maxistrada Marta Canales avala a argumentación da parte demandante, que respaldaron tamén a Deputación coruñesa, os Concellos de Sada e A Coruña e a Xunta, e anula a compravenda da propiedade en 1941, resolvendo tamén que o pazo non foi un agasallo a Francisco Franco como individuo, senón que se fixo pola súa condición de autoproclamado xefe do Estado, para concluír tamén que os Franco non deben ser indemnizados polos gastos do mantemento da propiedade durante as últimas décadas. 

Con todo, e segundo indicou o letrado, após a reunión que mantivo co Delegado do Goberno, Javier Losada, a familia Franco aínda poderá desfrutar do pazo de Meirás até que haxa unha execución da sentenza, ben definitiva –cando haxa resolución firme– ou ben provisional, en caso de que algunha parte a pida.

O ditame do xulgado coruñés aínda pode ser impugnado na Audiencia e, en casación, no Tribunal Supremo. "Non é unha cousa que se vaia resolver definitivamente nuns meses, tardará algún tempo", advertiu, sobre a restitución da propiedade a mans públicas. 

Na comparecencia, o delegado do Goberno español na Galiza salientou igualmente a "rotundidade" desta primeira sentenza. "Non recolle ningunha das apreciacións que a outra parte tiña, algo importante no futuro da decisión", apuntou, en alusións aos posíbeis recursos.

Ademais, Losada aproveitou para subliñar o "traballo moi duro e moi intenso" da Avogacía do Estado, ao que sumou o "apoio de historiadores, de colectivos que traballaron desde o punto de vista de fundamentación dos datos para articular unha boa demanda".  

Críticas ao PP pola súa "falta de implicación"

O presidente da Deputación coruñesa, Valentín González Formoso, reivindicou o papel desta institución no inicio do proceso xudicial para a recuperación do pazo de Meirás, coa encarga dun primeiro informe –impulsado pola vicepresidencia e coordinado polo profesor da Universidade de Santiago Xabier Ferreira– que abriu a vía a pedir a nulidade do contrato de compravenda.

Como destacou, a sentenza pon en evidencia que a cesión do inmóbel decorreu "de maneira  truculenta". "A xustiza acaba de poñer negro sobre branco que se fixeron cousas mal e que hai representantes institucionais que pretenden pór as cousas no seu sitio", apuntou. Aos seus ollos, o procedemento xudicial tería sido "imposíbel" de non ser polo "Goberno progresista".

Neste mesmo sentido pronunciou se o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, quen lembrou que o anterior Goberno estatal, do PP, non respondeu as peticións do ente coruñés, "O silencio foi elocuente. O PP nunca se involucrou na memoria histórica", censurou, para agradecer á sociedade civil que "mantivese viva a necesidade de facer xustiza".  

Hoxe mesmo está previsto que o Concello de Sada, outra das partes que reclamaron no litixio a restitución do pazo para o común, explique de forma pública a sentenza e faga valoración da mesma.

Por outra parte, a Comisión Aberta en Defensa do Común expresou onte a súa satisfacción polo sentido da resolución xudicial, na que observa "connotacións similares" no caso da coruñesa Casa Cornide.

A plataforma tiña prevista, o día 26, a II Marcha pola Recuperación da Casa Cornide, pero onte anunciou o aprazamento do evento até que as condicións sanitarias melloren e permitan a realización deste acto simbólico.