Na Galiza, 90% elixen recuncar con Astrazeneca

Imaxe dunha vacina de AstraZeneca. (Foto: Matthias Bein / dpa-Zentralbild / dp)

Nove de cada dez galegos de menos de 60 anos  que recibiron a primeira dose desta vacina optaron por ela para a segunda fronte á petición do Executivo estatal de que optasen por Pfizer.

90% dos menores de 60 anos que recibiron a primeira dose de Astrazeneca na Galiza optaron para a segunda dose por esta mesma vacina e non por outra.

Así o afirmou esta quinta feira Núñez Feixoo na comparecencia após o Consello da Xunta. A preguntas dos medios, sinalou que practicamente se finalizou co "varrido" en case todas as áreas sanitaria para consultar os menores de 60 anos que recibiron unha primeira dose de Astrazeneca se optaran por Pfizer ou rexeitaban esta inxección e elixían repetir coa mesma marca.

Respecto diso, indicou que "algo máis do 90%" dos consultados e consultadas escolleron volver recibir Astrazeneca.

En días pasados, o propio Feixoo dixo que había doses abondo para administrar aos menores de 60 anos que escollesen repetir coa británica.

O Ministerio de Sanidade reafirmabase a semana pasada na súa decisión de vacinar con Pfizer as persoas menores de 60 anos que recibiron a primeira dose de AstraZeneca e achaca a "un gravísimo problema de comunicación" a crenza de que se pode elixir entre unha e outra.

O Goberno galego incidiu ao longo destes días en que completar a pauta co vial de orixe británica é a estratexia "aprobada na ficha técnica desta vacina" e recomendada "pola Axencia Europea do Medicamento e gran parte das organizacións científicas", en contra do criterio do Consello Interterritorial presidido pola ministra Carolina Darias, quen advertiu que "non se trata de elixir", xa que a estratexia estatal aposta por Pfizer.

Así, as e os cidadáns galegos deberán consentir de forma explícita independentemente do fármaco escollido.