O presidente da Xunta, Núñez Feixoo, manifestou que Galiza está disposta a administrar as segundas doses de Astrazeneca aos galegos e galegas menores de 60 anos que recibiron a primeira a condición de que se garanta a subministración para os maiores desa franxa de idade que recibiron a primeira (e para os cales está admitida a segunda dose).
En declaracións aos medios na súa visita á Feira Internacional de Turismo, Feixoo explicou que a decisión adoptarase no seo do comité clínico e que, en "última" instancia, dependerá de se o Ministerio de Sanidade garante se hai doses "non só para os maiores de entre 60 e 69" anos, senón para aqueles que se lles administrou antes e que, na súa maioría, pertencen a colectivos declarados esenciais.
Segundo datos da Consellería de Sanidade, hai máis de 60.000 galegos nesta situación -no seu día o titular de departamento galego indicou que esenciais eran ao redor de 60.000-.
"Nós imos seguir as recomendacións da EMA, que é a máxima autoridade farmacolóxica", apuntou Feixoo, quen lembrou que a axencia europea avala as segundas doses coa fórmula británica para os que recibiron a primeira, como así se inclúe na ficha técnica.
A comisión de saúde pública aprobou esta terza feira, cun resultado axustado, que os cidadáns do Estado español que recibiron a primeira dose de Astrazeneca e sexan menores de 60 anos, sexan inoculados cunha segunda vacina de tecnoloxía ARN mensaxeiro -Pfizer, fundamentalmente, ou Moderna-.
Feixoo dixo que se vai "valorar a posibilidade de cambiar a vacina ou mantela" no seo do comité clínico, mais o que primeiro preguntará ao departamento que dirixe Carolina Darias é "se garante a subministración" de Astrazeneca. "Se non nos fornece (as doses), esa cuestión non a imos valorar", engadiu, quen insistiu en que o que "ten claro" a Xunta é que a ficha técnica si avala administrar a pauta completa e hai países que o fixeron.
Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, explicou que a decisión sobre as segundas doses da vacina para os menores de 60 anos que recibiron unha primeira de Astrazeneca aínda non está pechada definitivamente no relativo á voluntariedade para recibir a mesma fórmula, polo que, na liña que dixo o presidente, o Sergas esperará á información definitiva na próxima comisión de saúde pública. Iso si, Galiza mantense na postura a favor de inocular a segunda dose da mesma marca aos que recibiron xa unha primeira inxección.