Sanidade insiste na idoneidade de se vacinar coa segunda dose de AstraZeneca

Un home asina o consentimento, esta quinta feira, en Ourense (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).
Alta demanda deste vial, que esta quinta feira se comezou administrar ás persoas menores de 59 anos pendentes de completar a pauta e cuxas reservas están baixo mínimos na Galiza.

A Consellaría de Sanidade vén de difundir, a través da páxina web sobre a Covid-19, os consentimentos informados para a administración da segunda dose da vacina a persoas menores de 60 anos que recibiron unha primeira de AstraZeneca.

O Goberno galego incide en que completar a pauta co vial de orixe británica é a estratexia "aprobada na ficha técnica desta vacina" e recomendada "pola Axencia Europea do Medicamento e gran parte das organizacións científicas", en contra do criterio do Consello Interterritorial presidido pola ministra Carolina Darias, quen advertiu que "non se trata de elixir", xa que a estratexia estatal aposta por Pfizer. Así, as e os cidadáns galegos deberán consentir de forma explícita independentemente do fármaco escollido.

O conselleiro, Julio García Comesaña, matizou que ambos os documentos reflicten tanto os beneficios como os riscos dos dous viais, a fin de disipar as dúbidas a respecto dunha "difícil" decisión que, dixo, "ten que tomar cada cidadán". Desde Sanidade insistiron en que "o máis importante é recibir unha segunda dose da vacina" para poder alcanzar a "protección óptima" fronte á Covid-19.

No tocante ao risco de trombose para as persoas que completen a vacinación con Pfizer, salientaron: "Malia que é de esperar que sexa moi baixo, como acontece coa pauta de dúas doses de Pfizer, non hai experiencia suficiente para coñecer ese risco, xa que non hai a suficiente poboación vacinada con esa combinación heteróloga".

Vacinas insuficientes

Esta quinta feira o Servizo Galego de Saúde (Sergas) comezou administrar en Ourense a segunda dose ás e aos menores de 59 anos, un colectivo que abrangue unhas 93.000 persoas —60.000 traballadores esenciais— no conxunto do país, e do que 87% xa amosou a súa predisposición a completar a pauta con AstraZeneca. A xornada decorreu cun "ambiente de satisfacción", apreciou o Sergas.

Aliás, segundo datos da propia Xunta, farían falla "entre 210.000 e 220.000" a maiores para inmunizar as e os cidadáns que recibiran a primeira vacina. Porén, Galiza dispuña na mañá desta quinta feira de pouco máis de 20.000 viais do fármaco británico.

O presidente, Alberto Núñez Feixoo, garantiu "doses suficientes" a partir de xuño, mais dixo estar "preocupado" pola falta dun "compromiso por escrito" sobre a subministración de AstraZeneca. O Estado xa comprometeu a chegada a vindeira semana de 1,3 millóns, das que perto de 74.000 serían para o país.