O 88% das persoas mozas ten dificultades para atopar vivenda

Cartel nunha vivenda en venda (Eduardo Parra / Europa Press).
O sector inmobiliario fechou o ano 2021 confirmando a tendencia iniciada en 2020 coa pandemia de buscar vivendas de segunda man. A situación económica e sanitaria notouse nas preferencias das persoas que se achegaban ás axencias e certificou, tamén, as dificultades que ten unha parte da poboación, a mocidade, para acceder a unha vivenda propia.  

A pandemia mudou os hábitos das persoas que se achegan ao mercado inmobiliario galego. A experiencia do confinamento en 2020 marcou un cambio de tendencia que 2021 certificou como estábel no tempo e que, segundo apuntan desde o sector, continuará en 2022.

Os datos que achega a Asociación Galega de Inmobiliarias (Again) a partir do seu último barómetro de 2021 sinalan tres apartados chave que poderían marcar a corrente deste ano: o tamaño do inmóbel, o seu prezo económico e a posibilidade de que teña saída ao exterior a través de terraza, patio ou balcón.

Por este motivo, unha maior parte das procuras co obxectivo de mercar escollen inmóbeis de dúas ou tres habitacións (algo máis dun 47%), e unha gran parte opta por investir entre 50.000 e 100.000 euros. En relación ao tamaño, case oito de cada dez persoas adquiren pisos de entre 50 e 100 metros cadrados, quedando lonxe as de 150 metros cadrados (19 %). 

A vivenda de segunda man como protagonista

Para o presidente da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein), Benito Iglesias, os principais retos do sector para este 2022 estarán na alza de prezos en vivendas novas e usadas reformadas, o incremento dos custos de produción, ademais da escaseza e do encarecemento das materias primas e a rehabilitación das vivendas na Galiza, que conta con máis de 330.000 sen ocupar

A vivenda de segunda man seguirá a ser a raíña (supera 72% de todo o parque inmobiliario) pola falta de plans xerais aprobados, como é o caso de Vigo ou Ourense, ademais da falta de inicio de novas promocións. 

Mocidade e fondos Next Generation

A aprobación do novo bono de alugueiro para a mocidade puxo enriba da mesa outra vez as dificultades que ten este colectivo nesta cuestión. Desde Fegain sitúan en 88% a mocidade que queda excluída deste mercado inmobiliario.

"O acceso á vivenda por parte dos mozos, tanto en compravenda como en alugueiro, segue sendo o centro de preocupación de todos os axentes económicos que compoñemos o sector inmobiliario galego e en especial o meu propio", explica Benito Iglesias. 

Desde o punto de vista do responsábel inmobiliario, hai que "aproveitar ao máximo  a conxuntura económica deste 2022" e lembra que o seu sector é dos que máis fondos europeos Next Generation vai recibir en breve (6.820 millóns de euros no período 2021-2023), dos que 3.420 irán á rehabilitación.

Por último, o sector tamén demanda "corrixir anomalías como o tempo de espera dunha licenza municipal de obras, que no conxunto da Galiza supera os 14 meses, agravándose neste ano e sendo inasumíbel para moitas empresas polo alto custo repercutido nas mesmas".