77% dos abortos practicáronse na sanidade privada en 2020

Mobilizacións polo 8M en Santiago de Compostela este 2022. (Foto: Europa Press)
Esta cuarta feira conmemórase o Día da Acción Global por un Aborto Legal e Seguro, tamén coñecido como o Día pola Despenalización e Legalización do Aborto. Desde 1990 cada 28 de setembro o movemento feminista exixe a legalización da interrupción do embarazo segura, de balde e na sanidade pública, co obxectivo de reducir as mortes por abortos pouco seguros.

Segundo os datos do Ministerio de Sanidade rexistráronse na Galiza un total de 2.490 interrupcións voluntarias do embarazo en 2020, último ano con datos dispoñíbeis, na súa meirande parte, en centros sanitarios privados.

O 77,3% dos abortos voluntarios producíronse en centros privados. As cifras, ás que tivo acceso Nós Diario, poñen de manifesto que das 2.490 intervencións realizadas, un total de 1.926 decorreron en instalacións pertencentes a grupos empresariais, e 564, na sanidade pública.

O 77,3% dos abortos voluntarios producíronse en centros privados

A meirande parte dos abortos practicáronse en centros extrahospitalarios - ambulatorios, consultorios, centros de saúde, servizos de urxencias ou centro peiféricos - un total de 2.285, case o 92%, dos cales 1.868 foron en equipamentos privados e 417 en equipamentos públicos. Un total de 205 practicáronse en centros hospitalarios, neste caso 147 en hospitais públicos e 58 en centros privados.

En 2020, só catro hospitais galegos levaron a cabo algún aborto: o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, o Hospital de Verín, o Comarcal de Valdeorras e o Hospital Montecelo, en Pontevedra. A estes uníronse cinco centros de orientación familiar e tres clínicas privadas, a Clínica Arce e Clínica A Pasaxe na Coruña e Clínica Climent en Vigo, que, segundo os datos do Ministerio de Sanidade, concentraron a maior parte das intervencións.

En 2020, só catro hospitais galegos levaron a cabo algún aborto

O groso das interrupcións de embarazo en 2020 foron por petición da muller, cun total de 2.398 casos, o equivalente a 96,3%; fronte aos 59 casos de risco para a saúde da embarazada e os 32 por risco de anomalías no feto. Ademais, as tres cuartas partes dos abortos foron realizados nas primeiras oito semanas de xestación, un total de 1.879 casos; só 76 superaron as 15 semanas de xestación.

96,3% das interrupcións de embarazo foron por petición da muller

No que respecta ao perfil das mulleres que decidiron interromper o seu embarazo, o informe recolle que o grupo de idade no que se realizaron máis abortos foi o das mulleres de entre 30 e 34 anos. Do total, 40% das mulleres convivían en parella e a metade non tiña fillos. Das 2.490 mulleres que detiveron voluntariamente o seu embarazo, en 1.054 casos non se empregaba ningún método anticonceptivo, e 1.070 mulleres non abortaran previamente.

Embarazos en menores de 19 anos

As estatísticas do Ministerio de Sanidade mostran que 204 mulleres menores de 19 anos abortaron en 2020, das cales 75% fixérono na privada. Destas 204, un total de 76 non empregaran método anticonceptivo.

Precisamente no aspecto da idade, a Lei do aborto, promovida polo Ministerio de Igualdade, introduce novidades, pois as mulleres de 16 e 17 anos poderán interromper o seu embarazo sen necesidade dun consentimento paterno.