A Xustiza declara nulo o despedimento dunha muller embarazada e obriga a empresa a readmitila

O veredicto impón tamén unha indemnización de 7.500 euros e a recuperación do seu salario desde a data do despedimento.
Unha muller embarazada, nunha imaxe de arquivo. (Foto: UGR / Europa Press)
photo_camera Unha muller embarazada, nunha imaxe de arquivo. (Foto: UGR / Europa Press)

O Xulgado do Social número 2 de Santiago de Compostela vén de declarar nulo o despedimento dunha muller embarazada efectuado pola empresa Integral Management Future Renewables S.L. (Imfuture), de modo que obriga esta compañía a readmitila.

Así figura nun veredicto con data do 9 de agosto de 2022, no que tamén se fixa que a empresa debe indemnizar a muller con 7.500 euros por danos morais, así como abonarlle o salario de tramitación desde a data de despedimento. Contra a sentenza cabe interpor recurso perante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG).

En consecuencia, a sala declara nulo o despedimento ao considerar que "hai datos relevantes que permiten deducir, obxectiva e razoabelmente, que o despedimento obedeceu ao seu estado de muller embarazada".

A sentenza recolle que a muller foi despedida en novembro de 2021, cando se achaba no segundo trimestre de xestación, mentres que a compañía tiña coñecemento deste feito desde xuño.

Así, fai fincapé no escaso tempo transcorrido entre o inicio da súa baixa por incapacidade temporal, en outubro de 2021, e o seu despedimento, só un mes despois.

Por tal motivo, o xulgado compostelán considera que "a extinción do seu contrato vulnerou o dereito fundamental a non ser discriminada por razón de sexo", á vez que entende que houbo un "dano moral implícito na lesión do dereito fundamental", que identifica cunha falta moi grave en materia de relacións labores.

A través dun comunicado, a CIG aplaudiu a sentenza contra o que considera "lamentábeis prácticas empresariais discriminatorias que penalizan as mulleres por seren nais". "En pleno século XXI e con toda a lexislación que hai en materia de igualdade, que se sigan producindo este tipo de situacións é cando menos indignante", lamentou o sindicato.

Comentarios