Covid: O 65% das persoas ingresadas na UCI desde o 30 de outubro non estaban vacinadas

UCI do Hospital Clínico de Compostela. (Foto: Ana Varela / Xunta da Galiza)
A Dirección Xeral de Saúde Pública revela estes datos e alude a estudos que indican que as crianzas de menos de 12 anos inféctanse do coronavirus principalmente a través das persoas adultas.

O informe que achegou a Dirección Xeral de Saúde Pública ás autoridades administrativas e xudiciais para explicar a necesidade de tomar novas medidas restritivas para frear os contaxios da Covid-19 -que entran en vigor este sábado- revela que o 65% das persoas que tiveron que sen ingresadas nas UCI desde o pasado 30 de outubro non estaban vacinadas.

O estudo destaca que en todo o territorio do Estado español, en relación á taxa de ingresos nas unidades de coidados intensivos, os rexistros indican que para calquera grupo de idade hai unha taxa de gravidade e, en consecuencia, ingreso en UCI para as e os cidadáns que elixiron non vacinarse fronta o coronavirus.

"Teñen unha taxa semanal máis elevada", indican as e os expertos, que tamén falan da atención a doentes hospitalizados en plantas normais ou específicas.

Respecto dos datos galegos, o departamento da Xunta sostén que "tendo en conta a porcentaxe de poboación vacinada, pode dicirse que o risco de ingreso" daqueles individuos que non recibiron ningunha picada de protección fronte ao virus "é maior, aínda que ten variacións".

A porcentaxe de inoculacións entre a poboación diana é do 94 por cento no global da Galiza, sempre segundo Saúde Pública, a "máis elevada" de España. As coberturas por encima dos 60 anos son do 100%, mais entre os grupos de entre 20 e 39 anos son menores do 90%; mentres que nos demais superan o 90%.

Os casos poderían dispararse en só unha semana

Os indicadores epidemiolóxicos están a mostrar un aumento especialmente na taxa de incidencia, polo que "se espera que siga aumentando, o que é coherente, co que se está observando, tanto en España como nos países da contorna".

A sete días, de 30,6 casos por 100.000 habitantes hai unha semana (o informe é do día 25 de novembro), a incidencia alcanzou os 67,8 casos. O modelo preditivo -de continuar a tendencia de crecemento actual- amosa que dentro dunha semana podería dispararse ao dobre ou máis.

Concretamente,na franxa de idade entre 12 a 34 anos, o risco de ingreso é 14 veces máis elevado nos non vacinados; no grupo de idade de 35 a 64 anos, o risco é 18 veces máis elevado; e no grupo 65 e máis, é de nove veces máis, pero "tamén teñen nove veces máis risco de falecemento".

Ademais, constata que entre o grupo de persoas que non recibiran o remedio, eran "significativamente máis novas que os vacinados: a idade media dos non vacinados é de 67,9 anos e a dos vacinados supuxo 73,9 anos".

O papel das nenas e nenos na propagación

O informe tamén alerta da realidade das e dos menores de 12 anos, sobre os que sinala que "existe evidencia do papel residual que xogan na transmisión do SARS-Cov-2, a pesar de que, inicialmente, pensouse que poderían ter o mesmo papel que teñen na transmisión da gripe".

A súa carga viral "é menor que no caso dos adultos, xa que en xeral son asintomáticos" o que reduce o perigo de transmisión. No entanto, as crianzas si se contaxian máis das persoas adultas.