41% de superviventes de cancro infantil que tentan contratar un seguro son rexeitados polas aseguradoras

Un home asina unha póliza de seguros (Foto: Nós Diario).
No marco da Semana Europea contra o Cancro, a Federación Española de Pais de Crianzas con Cancro deu a coñecer estes datos para denunciar a discriminación que afrontan a diario os sobreviventes de cancro infantil no ámbito financeiro.

A Federación Española de Pais de Crianzas con Cancro (Fepnc, polas súas siglas en español) denunciou que 41% dos sobreviventes de cancro infantil que tentaron contratar un seguro de saúde ou de vida foron rexeitados polas aseguradoras, segundo reflicte o estudo elaborado pola federación sobre as consecuencias de non haber lexislación sobre o dereito ao esquecemento oncolóxico no Estado español.

No marco da Semana Europea contra o Cancro, a federación deu a coñecer estes datos para denunciar a discriminación que afrontan a diario os sobreviventes de cancro infantil no ámbito financeiro, entre outros, ao tentar contratar unha hipoteca, un seguro de vida ou solicitar un préstamo persoal.

Este estudo foi elaborado pola Fepnc conxuntamente con 22 asociacións, onde se reflicte a experiencia das persoas con antecedentes de cancro pediátricos coas entidades financeiras, así como noutros ámbitos.

Neste sentido, sinalaron que 49% dos enquisados que dispón dun seguro víronse obrigados a omitir o seu pasado de cancro para evitar o rexeitamento financeiro, mentres que 51% dos que si lograron a contratación dun seguro, hipoteca ou préstamo teñen algunha condición especial, como o aumento de primas.

Estigma

Desde a Fepnc afirmaron que este estigma que sofren estas persoas que, en moitas ocasións, levan máis de dúas e tres décadas sen experimentar recaídas da enfermidade, débese ás secuelas de non lexislar o dereito ao esquecemento oncolóxico no Estado español. Unha realidade que non ocorre en países como Francia, Luxemburgo ou Bélxica, onde si contan con lexislacións específicas.

"Os casos de discriminación son a todo tipo de persoas con antecedentes de cancro", asegurou o presidente da Federación Española de Pais de Nenos con Cancro, Juan Antonio Roca, que lembrou que hai casos nos que sobreviventes maiores de 30 anos ven rexeitadas as súas hipotecas por pasar un cancro pediátrico na infancia.

Ademais, Fepnc lembrou que as persoas con antecedentes de cancro son rexeitadas noutros ámbitos, como no laboral, ao postularse a determinados postos de traballo, ou no académico, entre outros.

Unha realidade que “non debería ter cabida, xa que pasar un cancro non debe ser nunca un motivo de discriminación”, concluíron.