Entre 4.000 e 6.000 fogares galegos afectados polo 'apagamento' da TDT

O apagamento da TDT está previsto para o próximo 14 de febreiro. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
A data para o fin das emisións SD por parte das operadoras era o 1 de xaneiro de 2023 "pero deuse un tempo 'extra' de ano e mes e medio, até o 14 de febreiro de 2024, para lograr a adaptación", declaran desde a Delegación do Goberno.

O apagamento da TDT, previsto para o próximo 14 de febreiro e que supón o fin ás canles emitidas en calidade estándar (SD) para consolidar a alta definición (HD), terá repercusión na Galiza cunhas 4.300 vivendas afectadas, distribuídas por 260 concellos, segundo datos da Xunta, aínda que o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación da Galiza sitúao nuns 6.000.

O seu máximo responsábel, César Mariñas, destacou que "a última hora" se tomaron medidas para paliar o "problema principal" que circunscribe a un tema "económico, non técnico", en relación ás axudas anunciadas pola Xunta para a compra de dispositivos para resintonizar os televisores.

"Aos que tivesen o descodificador de satélite íalles a deixar de servir e ían ter que comprarse outro, estas axudas son para asumir o custo de reposición do novo descodificador satélite", explica aludindo a unha situación que se daba en áreas como o municipio de Folgoso do Courel.

A súa alcaldesa, Dolores Castro (PP), incidiu no custo "moi elevado duns aparellos que a xente tivo que pór hai xa 14 anos aproximadamente e que non tiñan incorporado o HD". "E teñen que volver facer un investimento duns 400 euros por aparello para poder ver a televisión".

Con todo, afirma que "se debería atrasar o apagamento para que á xente lle dea tempo de compralo e instalalo, pero polo menos temos esa noticia de que os aparellos van ser subvencionados".

Agora, explica que están a avisar aos veciños "para que canto antes se poñan en contacto cos instaladores, que poidan facer a compra destes aparellos e que non queden a cegas a partir do día 14", apostila a alcaldesa que denuncia a falta de "apoio estatal" para unha medida que, engade, supón "un agravio comparativo coas zonas que si reciben a través dun repetidor o sinal de televisión" fronte ás que non teñen esta posibilidade.

 

 

Postura de goberno do Estado e Xunta

Pola súa banda, desde a Delegación do Goberno destacan as campañas informativas, á vez que aseguran que "máis do 98% dos aparellos son compatibles e non se verán afectados".

Respecto desta repercusión, a Secretaría Xeral de Medios ratificouque trasladaron por carta hai dous meses ao Goberno central a súa preocupación "pola situación que ían vivir os galegos que residen en zonas de sombra".

"Os veciños destas áreas reciben o sinal da TDT por satélite e agora deberán comprar un novo dispositivo cun prezo que rolda, de media, os 400 euros", apuntan sobre as vivendas afectadas en máis de 200 municipios.

En liña co anunciado xa polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, após o Consello de Goberno desta quinta feira , aseguran que o Goberno galego vai sufragar a totalidade do custo de renovar os equipos e a instalación nas primeiras residencias "até un límite máximo de 400 euros".

"Se son de segunda residencia, a estes fogares axudaráselles até o 50%, cun límite máximo de 200 euros", precisan. Respecto diso, argumentan que a abordaxe desta cuestión "non lle correspondería á Xunta".

 

 

Ampliación do prazo

Pola súa banda, desde a Delegación do Goberno explican que a data para o fin das emisións SD por parte das operadoras era o 1 de xaneiro de 2023 "pero deuse un tempo 'extra' de ano e mes e medio, até o 14 de febreiro de 2024, para lograr a adaptación".

"Durante este tempo fixéronse campañas xunto ás televisións para avisar aos usuarios, traballouse nunha web informativa na que se podía tamén contactar coa Oficina de Atención ao Usuario da Televisión Dixital", engaden.

Así mesmo, expoñen que se celebraron reunións de coordinación nas que participaron as comunidades autónomas e as televisións. "Nelas, algunhas autonomías avanzaron a súa vontade de acometer accións adicionais nos seus propios ámbitos, máis aló das accións pactadas en común, atendendo ás características particulares dos seus territorios".