400 mulleres do rural reivindican en Santa Comba a participación feminina no deporte

Acto polo Día da Muller Rural, en Santa Comba (Foto: Fademur).
Con motivo do Día internacional das Mulleres Rurais, a Deputación da Coruña e Fademur reivindicaron o "papel esencial" deste colectivo.

Máis de 400 mulleres déronse cita este sábado en Santa Comba (comarca do Xallas) con motivo do Día internacional das Mulleres Rurais, onde aproveitaron para reivindicar o seu "papel esencial".

O evento, organizado pola Deputación da Coruña en colaboración coa Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur), centrouse nesta edición en analizar o papel do colectivo no ámbito deportivo.

Un ámbito no que, segundo destacou Fademur, 50% das persoas mozas que participan en actividades deportivas escolares son nenas, mais a presenza de mulleres "vaise reducindo segundo se avanza cara ás categorías máis altas até quedar reducidas a 24%".

Neste contexto, Fademur fixo un chamamento para que as Administracións tomen conciencia desta realidade e traballen activamente para apoiar ás mulleres rurais que practican deporte, fomentar esa participación e avanzar cara á igualdade.

Entrega de recoñecementos

Fademur aproveitou este acto para realizar a súa entrega de recoñecementos a mulleres destacadas en diversos ámbitos polo seu compromiso co feminismo e o desenvolvemento das mulleres rurais. Este ano, a xornalista Emma Araújo foi a galardoada pola súa achega ao mundo da cultura, a lingua e a comunicación.

O recoñecemento á posta en valor dos produtos galegos recaeu en Rocío Osorio García, artesá dedicada á fabricación de velas. Pola súa parte, Mercedes Quintáns Paráis, gandeira xa xubilada, recibiu o correspondente ao compromiso co sector primario e o territorio, mentres que a futbolista Verónica Boquete recibiu o recoñecemento ao compromiso coa igualdade e o medio rural.