As experiencias da muller rural chegan ao Museo de Lugo

A instalación provincial abre os proxectos 'Recolectoras: Memoria e terra' e 'Proximidade Llunyana'. 
A exposición 'Proximidade Llunyana' o día da inauguración (Deputación de Lugo).
photo_camera A exposición 'Proximidade Llunyana' o día da inauguración (Foto: Deputación de Lugo)

O programa "Mulleres rurais" que activou a Rede Museística da Deputación de Lugo o ano pasado, conta xa con dúas experiencias expositivas que se poden ver no Museo Provincial da cidade amurallada desde esta semana: 'Recolectoras: Memoria e terra' e 'Proximidade Llunyana'. 

O proxecto nace ao redor do Día das Mulleres Rurais, o 15 de outubro, mais a idea da xerente da Rede e coordinadora desta proposta, Encarna Lago, é que transcenda a efeméride. 

'Proximidade Llunyana'

A primeira destas propostas, 'Proximidade Llunyana', lémbranos a emigración de Lugo a Barcelona no século XX, representada polo testemuño de mulleres que nos achegan á realidade do éxodo rural da posguerra. Conmemora a vida das mulleres que renunciaron a todo o seu universo coñecido polo desexo dunha vida mellor. 

O proxecto pretende revivir as súas historias, mostrando os museos como contedores e conectores da memoria colectiva e construíndo historias individuais que aporten unha perspectiva global de como a emigración afectou ás netas, nais e avoas. O equipaxe, na mostra, é algo máis que un obxecto e centra o espazo expositivo. O obxectivo é indagar, investigar e conservar as historias familiares co fin de buscar respostas do pasado para poder mirar cara ao futuro. 

'Recolectoras: Memoria e terra'

O segundo proxecto leva por título 'Recolectoras: Memoria e terra' e desenvólvese mediante xornadas de co-creacións artísticas coa comunidade en conversa con artistas contemporáneas do tecido cultural galego. A idea é xerar narracións colectivas que poñan en primeiro plano a realidade da figura feminina do rural galego.

Pretende, como o seu nome indica, recolectar a realidade da contorna rural desde e coas propias protagonistas, as mulleres. Está deseñado a través de conversas transversais nas que se traten problemáticas vencelladas ao despoboamento, reivindicando o primeiro sector como base económica da sociedade. 

As iniciativas trasladaranse o 17 de febreiro ao Museo Provincial do Mar co proxecto iItinerancias' da man da Ortiga Colectiva percorrendo Asturies, Cantabria, Euskal Herria, sur de Francia e Galiza.

Comentarios