Chévere leva de xira a segunda As Fillas Bravas

Un retrato “digno e respectuoso” da muller rural

As Fillas Bravas, de Chévere, cumpre seis anos percorrendo escenarios coa mensaxe feminista das súas tres personaxes. Mais Dosinda, Benedita e Isaura prepararon un segundo espectáculo, As Fillas Bravas e o mito de Casandra, no que demostran ser mulleres de aldea que, ademais de propor á xente nova un estilo de vida sustentábel, son quen de manexar con soltura desde a música tradicional ao teatro clásico porque, tal como di Xesús Ron, nin hai unha “alta” e unha “baixa” cultura nin cómpre inventar nada para presentar mulleres maiores apoderadas.

As fillas bravas chévere foto de Leticia T. Blanco
photo_camera (Foto: Leticia T. Blanco)

Na cona da vella non manda ninguén. Iso di, coma a canción, a bolsa que mostra Mónica García, unha das actrices da nova versión de As Fillas Bravas de Chévere, neste espectáculo. Pero non é só que as mulleres, rurais e maiores neste caso, decidan que facer cos seus corpos. É que ademais mostran un modelo de vida sustentable -estar mellor consumindo menos- que poida deixar atrás a crise ecolóxica da que a actual pandemia pode considerarse unha expresión. A cuestión é, así, non só cuestionar o estereotipo da muller maior inculta e sometida aos ditados patriarcais, senón ofrecer “un retrato digno e respectuoso do rural que o público agradece”, segundo explica o director desta obra, Xesús Ron.

As Fillas Bravas é xa, cos seus seis anos de andaina, a montaxe máis lonxeva da traxectoria de Chévere. “É un formato moi todoterreo e operativo”, explica Ron. Tres actrices -Mónica García, Patricia de Lorenzo e Arantza Villar- que só precisan unha lata de pementón para escenificar unha traxedia grega, unhas pandeiretas para tocar e cantar coplas contra o cambio climático ou un pouco de hidroxel -e augardente- para adaptar o seu espectáculo aos tempos do “conavirus”, como di unha delas. Xa explican elas mesmas que tiveron que preparar un novo recital debido ao éxito do anterior. Como a xente pedía polas redes sociais máis coplas, decidiron facer As Fillas Bravas e o mito de Casandra.

Mais desta volta preparárono en colaboración do Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental-SEPA da Universidade de Santiago, co que lle engadiron a pegada didáctica ecoloxista. E non só. Porque as personaxes demostran ademais manexarse ben coa traxedia clásica, ou coa lectura de Chomsky, por exemplo. A escolla do mito de Casandra para o título da obra non foi casualidade. Porque, do mesmo xeito que ninguén escoita esta muller cando avisa sobre a verdadeira natureza do cabalo de Troia, a nosa sociedade decide non facer moito caso das advertencias da comunidade científica sobre os perigos do cambio climático.

Dosinda, Benedita e Isaura, que así se chaman, explican ao público a historia de Casandra e lembran, tamén, outras mulleres da mitoloxía clásica. Coma Andrómaca, á que “querían foder e fodeunos a todos”. Ou Lisístrata, que organiza unha folga de sexo para deter a belicosidade dos homes. Mais as propias fillas bravas, levadas pola sabedoría da maior delas, non disposta a renunciar ás alegrías “de abaixo” e moito menos polos homes, acaban propoñendo como alternativa para conseguir os seus obxectivos un método moi especial, de eficacia probada cun veciño e aplicado no Centro Rural para a Recuperación dos Negacionistas do Cambio Climático de Momán. Unha terapia para a mudanza de mentalidades e de estilos de vida.

Un dos maiores acertos desta obra é a xestualidade das personaxes. Tal como conta Mónica García, unha vez foi ver a obra un amigo e quedou esperando a que acabasen “aquelas vellas” antes de ser a quenda da súa amiga actriz. Mais a proba máis importante do atinada que pode ser a interpretación é o propio rural, onde viven as Dosindas, Beneditas e Isauras de verdade. E o que nel acontece é -sinala Mónica García- que se produce unha rápida identificación cunhas personaxes que lembran unha tía, unha avoa, unha veciña…

A observación

As actrices preparáronas baseándose, sobre todo, na observación. Levando os espectáculos de Chévere polo rural ou con visitas máis concretas como a realizada a Zobra co contador e poeta Celso Fernández Sanmartín. O maior risco podía situarse na credibilidade de Dosinda, a maior en idade e máis feminista mais, alén dos debates sobre o grao de liberación dos roles patriarcais das mulleres de antes do franquismo, Chévere optou por un tratamento desta personaxe que a fai, ademais de moi divertida, moi recoñecíbel.

As intérpretes tiveron, tamén, que aprender a tocar a pandeireta para este espectáculo. “Fomos aprendendo o indispensábel”, indica Patricia de Lorenzo. Ademais, tamén na realidade as señoras “tocan cada unha ao seu xeito, seguindo o ritmo”, lembra Mónica García. As coplas, creadas para esta obra, tratan de respectar a forma e a “métrica tradicional”, indica Xesús Ron. Mais, en canto a contidos, non houbo necesidade de “inventar nada”, xa que nas coplas tradicionais xa se fala de roles de xénero ou de mulleres sexualmente apoderadas.

As Fillas Bravas manteñen, en calquera caso, os dous “recitais”. O primeiro, a primeira versión de As Fillas Bravas, máis centrado no discurso feminista, e o segundo, o do mito de Casandra, que mestura a reflexión sobre os roles de xénero co ecoloxismo. E ademais realizan adaptacións para contextos específicos, como foi no 8 de marzo. As Fillas Bravas e o mito de Casandra estará o sábado 28 de outubro na casa da cultura de Burela e en decembro o día 4 no espazo de usos múltiples de Teixeiro, o día 11 no centro cívico de Arteixo e o día 19 no Auditorio de Baio (Zas).

Comentarios