35% das vivendas da Galiza teñen máis de 50 anos

O parque de vivenda galega avellenta, como a poboación. A Galiza conta cun dos mapas máis vellos de inmóbeis para habitar, onde case catro de cada dez vivendas suma máis de 50 anos de existencia. Case 95.000 vivendas son de antes de 1900, máis dun século de existencia. Ante esta realidade, desde a oposición sinalan a Xunta da Galiza por deixar sen executar máis da metade dos fondos da partida de rehabilitación.

Unha de cada tres vivendas na Galiza ten máis de 50 anos de idade. Delas, ao redor de 143.000 son de entre 1900 e 1950, polo que suman entre 120 e 70 anos de idade. 

Nas últimas décadas a construción evolucionou cara a un modelo moito máis sostíbel e respectuoso co medio ambiente, para alén de incorporar novas normas e elementos para facilitar unha habitabilidade e accesibilidade máis acorde cos tempos actuais. Mentres a vivenda máis nova —aínda moi minoritaria no cómputo total— incorpora os últimos avances, miles de pisos e inmóbeis existentes hoxe en día ficaron desfasados nestes aspectos. De aí a importancia de partidas orzamentarias como a de axudas á rehabilitación, nomeadamente para un parque de vivendas avellentado como o galego.

Mais, e así o denuncia a oposición, os fondos para a rehabilitación non se están a executar en boa parte do seu orzamento, crítica que o BNG o PSdeG estenden ao conxunto da política de vivenda.

A formación socialista denunciaba a semana pasada que nas axudas para rehabilitación correspondentes ao exercicio 2022 ficaron sen executar máis de 50% dos 123 millóns inicialmente consignados. O montante que non se asignou abeiraba os 70 millóns de euros.

Desde o BNG poñen o exemplo de programas concretos, como o Rexurbe —de rehabilitación e rexeneración urbana—, dotado o ano pasado con 10 millóns de euros e dos que executaron 3,2 millóns. “Deixaron máis de 70% do orzamento previsto sen executar”, advertiron.

Sen criterios de mobilidade

Non chegan a 2% as vivendas galegas con menos de 10 anos e a porcentaxe das que posúen entre 10 e 20 anos sitúase en 15%. As décadas entre 1950 e 1980 son nas que se construíron máis vivendas. Do parque actual, 560.000 inmóbeis corresponden a esas datas. Uns anos nos que cuestións como a accesibilidade, por exemplo, non existía á hora dos criterios a ter en conta para construír. E iso ten aínda repercusións no presente, pois, segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE), apenas 20% das vivendas galegas —220.000— están adaptadas para persoas con mobilidade reducida.

O da antigüidade do parque residencial tamén está ligado co baixo nivel de construción de vivenda pública na Galiza, quer para aluguer, quer para compra. Nos últimos dez anos, de 2014 a 2023, construíronse na Galiza 144 vivendas protexidas para aluguer. As persoas demandantes dunha vivenda protexida de aluguer son 10.149, segundo os datos do Instituto Galego da Vivenda e Solo con data de onte. Houbo anos, como 2014, 2015, 2017 ou 2019, nos que non se rexistrou nin unha soa vivenda construída. O exercicio no que máis vivendas se cualificaron foi 2016, con 117. No resto, aos poucos: tres en 2018, tres en 202, 12 en 2021 e nove o ano pasado, 2022.