25N: As rúas da Galiza, unha vez máis contra as violencias machistas

(Eva Solla)

O movemento feminista convocou este 25N unha trintena de mobilizacións en cidades e vilas do país, que se suman aos actos desenvolvidos nestes días.

Un serán de mobilizacións ao longo de todo o territorio galego pechou esta segunda feira a xornada na que se celebra o Día internacional contra as violencias machistas, unha chamada á acción do movemento feminista –promotor dunha trintena de convocatorias na Galiza– que ten réplica nas principais cidades e vilas galegas. 

Desde a mañá sucedéronse os actos reivindicativos nos que sacar á luz as distintas violencias que seguen a padecer as mulleres polo feito de selo. Plataformas como a Marcha Mundial das Mulleres puxeron o foco este ano na “violencia xudicial”, para reclamar uns servizos e un acompañamento axeitados para as mulleres que denuncian, mentres que as accións desenvolvidas pola CIG esta mañá centraron a atención na precariedade que existe nos traballos relacionados cos coidados, exercidos de forma maioritaria por mulleres. 

A axenda de manifestacións culmina unha fin de semana cargada de actos de reivindicación da igualdade.

Cinco mulleres asasinadas, catro crianzas orfas, ducias de mulleres violadas. Na Galiza hai máis de 3.500 casos activos de seguimento e protección a vítimas da violencia machista. Son dados a ter en conta todos os días, especialmente un 25N, Día Internacional contra a violencia machista.

Desde a Marcha Mundial das Mulheres se incidía na violencia xudicial. «As leis de igualdade e contra a violencia machista definen un marco legal de protección ás mulleres que non se está facendo efectivo», avisa o documento emitido pola plataforma feminista, que salienta que os avances formais acadados nos últimos anos polo feminismo organizado «resultan insuficientes», vista a súa falta de aplicación.

Entre as medidas que se reclaman desde a Marcha Mundial das Mulleres cóntase tamén a revisión da atención que se presta nos organismos públicos  nos que se emiten informes que afectan aos procesos de denuncia. Este é o caso do Imelga, o Instituto de Medicina Legal da Galiza, para o que se pide un incremento de persoal e unha supervisión da súa formación en violencia machista, «para evitar que se empreguen invencións como o Síndrome de Alienación Parental contra as mulleres».