CIG denuncia este 25N a precariedade nos traballos de coidados

A Secretaría das Mulleres da CIG mobilízase nas cidades e vilas para esixir que estes traballos estean no centro das políticas públicas.

Os traballos relacionados cos coidados están desempeñados maioritariamente por mulleres. Empregadas e traballadoras que non só padecen a temporalidade e “salarios miserentos”, por debaixo do SMI, senón que mesmo se ven obrigadas a realizar tarefas para as cales non están contratadas. Denúnciao a CIG, que baixo o lema “A precarización do traballo nos coidados é violencia machista”, desenvolve esta segunda feira concentracións nas principais cidades e vilas con motivo da conmemoración do 25 de Novembro.

Margarida Corral, secretaria confederal das Mulleres da CIG, apunta Estado e Xunta como culpábeis da precarización das mulleres que traballan no sector dos coidados. “Acusamos directamente todo un sistema que baixo o eufemismo do benestar, violenta deliberadamente a miles de mulleres no país; converte as miserias de moitas en cartos para uns poucos; non fai máis que espallar a frustración das persoas ás que van dirixidos os servizos e escraviza as mulleres que neles traballan”.

Neste senso, enfatizou que "as galegas non fixemos dúas folgas o 8 de marzo para que todo siga igual. Xa é hora de que haxa un cambio real e que a problemática dos coidados estea no centro das políticas públicas".

A Secretaría das Mulleres da CIG esixe a integración no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e de Benestar de todo o persoal que traballe nos servizos de axuda no fogar, universalizando a atención á dependencia con servizos sociais de axuda a domicilio, centros de día e residencias asistidas de carácter público.

A isto engade a demanda do  recoñecemento pleno dos dereitos laborais e protección social para as traballadoras do fogar e de coidados no Estatuto dos e das Traballadoras e a súa integración completa no Réxime da Seguridade Social.