IGUALDADE DE XÉNERO

As violencias que as cifras agochan

(GZContrainfo)
Este  25 de novembro as últimas estatísticas xudiciais amosan que a eliminación dun mal estrutural como é a violencia machista está aínda lonxe e que cada vez afecta a idades máis temperás. Na Galiza, as denuncias seguen un ritmo ascendente que dificilmente poderá reverterse desde os propios xulgados. 

Na Galiza conviven, segundo os datos do IGE correspondentes a 2018, 2,7 millóns de persoas, das que 1.397.772 son mulleres. No mesmo ano, os xulgados galegos recibiron 6.537 denuncias por violencia contra as mulleres e tramitaron 2.021 ordes de protección por esta causa (das que foron concedidas dous terzos). Ditáronse ademais 984 sentenzas condenatorias por delitos desta natureza, o que non significa que o resto das denuncias quedase en nada, senón máis ben –admiten desde a Fiscalía Superior da Galiza– que a tramitación dos procedementos non sempre se fai no mesmo ano, aínda que tamén hai asuntos que non chegan a xuízo. De feito, en 2018 o Ministerio Fiscal emitiu 2.204 escritos de cualificación para xuízo.

Máis datos. Na primeira metade deste 2019, a Delegación do Goberno ten contabilizadas 3.343 novas denuncias na Galiza, 957 ordes de protección e 1.902 chamadas ao 016, o número gratuíto de atención e asesoramento a vítimas de violencia machista. Unha ollada ás cifras da década, cun mínimo anual de 4.788 denuncias en 2012 e o máximo de 2018, no que se deu un incremento a respecto do ano anterior de 1,6%, apunta á conclusión que trasladaba a Fiscalía galega hai unha semana, durante a entrega da súa Memoria anual no Parlamento: a imposibilidade de constatar unha diminución, nin no número de vítimas –máis de 6.000 o ano pasado–, nin de denuncias, nin de ordes de protección, e mesmo un aumento «preocupante» dos casos de violencia machista protagonizados por menores de idade, que se duplicaron nun só ano, dos 20 de 2017 aos 40. No mesmo sentido, o presidente do Tribunal Superior de Xustiza, José María Gómez y Díaz‑ Castroverde, na apertura do presente ano xudicial, en outubro, advertía tamén do aumento dos delitos en menores e apuntaba o camiño para acabar con este «grave problema social»: educación e traballo conxunto das institucións implicadas.

Pero ese grave problema social, para a maquinaria xudicial, cínguese á violencia que sofren as mulleres no contexto dunha relación de parella, presente ou pretérita

Pero ese grave problema social, para a maquinaria xudicial, cínguese á violencia que sofren as mulleres no contexto dunha relación de parella, presente ou pretérita. «É claro que hai que ampliar o concepto que engloba o que xudicialmente se considera violencia de xénero. Non é unicamente a que ten lugar no seo da relación de parella a ex parella, senón que existen outros, desde acoso laboral a violencia sexual, que tamén deben ter a mesma consideración», opina desde a Marcha Mundial das Mulleres Antía Pousa Pérez. A integrante na plataforma feminista alude ao triplo crime perpetrado en Valga o pasado 16 de setembro, no que as vítimas foron a ex muller do agresor confeso, a súa irmá e a súa nai. Por non ter as dúas últimas relación sentimental co atacante, as cifras oficiais non as consideran vítimas da violencia machista.

Tipoloxías de delito

Si collen, dentro das estatísticas xudiciais, delitos de consideración diversa, que van dos máis habituais, como son, segundo reflicte a Fiscalía no último informe anual, o maltrato ocasional –63,2% do total de delitos incoados, cun total de 3.642– aos máis graves, como foron en 2018 os asasinatos de María Magdalena Moreira Alonso, no Porriño, de María Judith Martins Alves, na Coruña, e de Ana Belén Varela Ordóñez en Cabana de Bergantiños. Sen  nomes propios, as táboas numéricas dos delitos máis representativos en canto á súa tipoloxía falan tamén de 935 procedementos penais iniciados por maltrato habitual, ou dos 195 por ameazas ou 91 por lesións, e poñen de relevo as 660 incoacións por quebrantamento dunha medida de protección, xa sexa cautelar ou por condena. 

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 373 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]