Concellos, institucións e entidades súmanse ao movemento feminista neste 25N

Mapa das voces contra as violencias

A campaña En negro suma este ano 138 Concellos (En negro contra as violencias)
O movemento feminista lidera as accións reivindicativas que se organizan en toda Galiza arredor do 25-N para denunciar todas as violencias que sofren as mulleres e reivindicar, aproveitando a efeméride, a súa eliminación.
 

Unha chuvia de pingas negras, violetas ou vermellas vai cubrindo o mapa da Galiza segundo se aproxima o 25 de novembro, o Día Internacional pola Eliminación das Violencias Machistas. Son as accións que institucións, asociacións levan semanas preparando, seguindo o ronsel do movemento feminista, para conmemorar unha efeméride que, en calquera caso, non deixa de ser unha data simbólica nun calendario aínda marcado no social, no laboral, no económico, no afectivo-sexual e mesmo no institucional pola violencia estrutural e sistémica contra as mulleres.

Contra todas elas pronúnciase a campaña «En negro contra as violencias», xurdida en 2015 en Compostela co impulso do Concello e que hoxe se estende por todo o territorio galego coa adhesión de 138 Concellos e tres deputacións. A acción busca posicionar concellos, empresas, estabelecementos, centros educativos, deportivos, culturais, asociacións e o conxunto da cidadanía, como unha resposta colectiva e visíbel de rexeitamento a todo tipo de violencias machistas. 

A súa cartelería, exposta nas fachadas e escaparates de toda Galiza, anticipa unha axenda que durante todo o mes, pero especialmente esta fin de semana, énchese de accións en contra do machismo. Eis algunhas delas:

Sábado, 23

En Rianxo, o Concello organiza, desde as 9 horas, unha andaina contra as violencias que partirá da praza de Padrón. O Concello de Miño organiza, ás 10 horas, unha xornada promovida pola ANPA do centro educativo Castro Baxoi, que se desenvolverá no centro social de Loios.

O feminismo unitario de Vigo promove, ás 12.30 horas na zona peonil do Calvario, unha batukada feminista con reparto de información, e na Coruña, a Marcha Mundial pola Paz de a Non Violencia propón, desde as 19 horas, unha serie de actividades no bar A Repichoca, que comezará cunha mesa redonda con especialistas en violencia de xénero, á que seguirá un recital poético con micro aberto desde as 20 horas e, a continuación, unha jam session.

En Lugo, o centro social Madia Leva celebra ás 20 horas a palestra «Feminismo é libertación  nacional», organizada pola Mocidade pola Independecia. 

Domingo, 24

En Compostela, a Secretaría Xeral da Igualdade convida a participar na andaina Camiño ao Respecto, ás 11 horas do punto de información do Monte do Gozo.

En Carballo, o Círculo Feminista organiza a concentración «Un minuto de ruído», para a que solicita ás participantes que leven roupa de cor vermella e instrumentos «que fagan ruído». En Rianxo, a praza Rafael Dieste acollerá, ás 12 horas, un obradoiro de máscaras de Monimbó e, ás 13 horas, a actuación do coro feminino Sister in the House.

Segunda, 25

Moitas cidades e vilas galegas concentran no propio día contra as violencias a súa actividade. Haberá manifestacións do movemento feminista na Coruña (20 horas, Obelisco, convocada de forma conxunta pola Marcha Mundial das Mulleres e a Plataforma Feminista Galega), A Estrada (20.30 horas diante do Concello), As Pontes (20.30 horas na praza do Hospital), Betanzos (20 horas a carón do palco da música), Carnota, (20 horas na praza da Pedra), Celanova (20 horas na praza maior), Compostela (20 horas na praza 8 de marzo), en Ferrol (19 horas no cantón de Molíns), Lugo (20 horas diante do Concello), Marín (20.30 horas na praza 8 de marzo), en Ourense (20 horas na Subdelegación do Goberno), Pontevedra (20 horas na Peregrina), Ribeira (20 horas na praza do Concello), Val Miñor (20 horas no cruzamento da Ramallosa), Verín (20.30 horas na praza do Concello), Vigo (20 horas no cruzamento da vía norte con Urzaiz) e Vilalba (20.30 horas na praza da Constitución).

A maiores, o Concello de Allariz  organiza, ás 10.15 horas, un contacontos infantil no colexio Padre Feixoo; ás 12 horas será a lectura do manifesto na praza do Concello e haberá unha performance. Pola tarde, ás 19.30 horas, o Fogar dos Maiores acollerá unha mesa redonda sobre proxectos de educación sexual. En Ribeira, a Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza e Amnistía Internacional teñen preparado, ás 20 horas, un acto en memoria das vítimas da violencia machista na praza do Concello e ás 21 horas, no centro cultural Lustres Rivas, a presentación do quinto número dos Episodios Republicanos Barbanzáns, dedicado ás mulleres represaliadas.

En Miño, o alumnado do Castro Baxoi fará un programa especial de radio e en Ribadeo, o Concello propón unha andaina desde as 11 horas. En Rianxo, as estudantes do IES Félix Muriel  lerá, ás 12 horas, un manifesto no centro, mentres que a concentración será ás 20 horas na praza de Castelao, seguida de manifestación e regueifas. En Sarria, o colectivo feminista Mulleres de raíz convoca unha concentración, ás 20.30 horas, baixo o lema «Nin un paso atrás, para a que pide que se leven un par de zapatos «para encher a praza de pasos e pisadas».  Vimianzo fará concentración ás 12 horas na praza do Concello.

A maiores, en Vigo, a Secretaría das Mulleres da CIG  chama a mobilizarase para denunciar a explotación que está detrás de todas as actividades relacionadas cos coidados, a súa minusvaloración e a cada vez maior precarización. A convocatoria será entre as 11 e as 12 horas, na praza Vella Escola de Gondomar, a carón dos edificios das administracións públicas.