A Galiza recupera as cifras de hai dous meses con 2.500 casos activos de Covid-19

Unha persoa é tratada coa vacina de Pfizer. (Foto: AAPIMAGE / DPA) #vacina #coronavirus #covid19 #estudo #investigación #delta #variante
Máis de 2.500 casos activos de Covid-19 na Galiza, un escenario que non se vía desde o 16 de setembro, mais lonxe dos peores intres da pandemia.

248 novos casos activos de coronavirus na Galiza, reporta a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, con datos recollidos entre as 18 horas da sexta feira e a mesma hora do sábado.

Este incremento, que profunda na suba constante de persoas co virus da Covid-19 ao longo de novembro, sitúa a Galiza por riba do 2.507 casos activos, unha cifra que non se dera desde o 16 setembro, após a detección de máis de 500 infeccións nas últimas dúas xornadas.

Porén, estes datos seguen moi lonxe dos rexistrados durante outras etapas da pandemia de Covid-19, e tamén se afastan da situación que están a vivir outros territorios europeos, nun continente que a Organización Mundial da Saúde declarou como o epicentro da pandemia neste intre.

No que atinxe ao número de casos por área sanitaria, a de Ourense (642) e a de Vigo (588) continúan a ser as máis afectadas polo SARS-CoV-2. Malia a alza de contaxios, a área sanitaria da Coruña (434) aínda se mantén por baixo dos 500 casos. Ademais, hai 257 na de Lugo, 233 na de Santiago, 219 na de Pontevedra e 134 na de Ferrol.

A ocupación dos centros de saúde permanece estábel, con 14 pacientes en unidades de coidados intensivos, 59 en unidades de hospitalización e 2.434 no domicilio, nunha xornada na que non se informou de falecementos.

A Consellaría de Sanidade salienta que se recuperaron do coronavirus 180.913 persoas, así como que se fixeron 2.953.239 de PCR desde o comezo da pandemia.

Gromo en Lugo

O partido da liga ACB de baloncesto disputado entre o Club Baloncesto Breogán e o Gran Canaria o 6 de novembro deixou até unha vintena de casos positivos en Lugo, sinalou Sanidade.

O gromo afectou tamén o equipo, que despois do positivo do base do Canadá Trae Bell-Haynes tras o partido, viuse obrigado a aprazar o encontro previsto para hoxe contra o Joventut de Badalona.