Europa, o epicentro da Covid-19 no mundo, supera os 70 millóns de casos

A Covid-19 continúa facendo estragos no continente europeo, onde se combina un proceso de vacinación que non acaba de despegar en moitos Estados coa fin das restricións após o verán. Os territorios comezan a valorar recuperar algunhas das medidas sanitarias pensando no final do ano. 
Turistas no aeroporto de Madrid-Barajas, no Estado español, este verán. (Óscar Cañas / Europapress)
photo_camera Turistas no aeroporto de Madrid-Barajas, no Estado español, este verán. (Foto: Óscar Cañas / Europapress)

De cada 100 contaxios de SARS-CoV-2 detectados no mundo, arredor de 54 rexístranse en Europa, convertida no novo epicentro da enfermidade ao superar os 70 millóns de casos de coronavirus, segundo as informacións achegadas polos Estados a Reuters. Neste intre, cada catro días repórtanse un millón de novos contaxios.

Até 12 países se atopan na peor fase da pandemia desde que a Covid-19 comezou a súa expansión en marzo de 2020: Alemaña, Países Baixos, Austria, Eslovenia, Croacia, Eslovaquia, Montenegro, Grecia, Ucraína, Belarús, Noruega e Rusia.

50.000 casos novos en Alemaña

O lugar máis afectado está a ser Alemaña, que anunciou esta quinta feira o seu récord de contaxios, o cuarto día consecutivo que isto acontece, ao informar o Instituto Robert Koch de 50.196 contaxios e 235 defuncións, 97.198 en total.

Cunha incidencia de 249 casos por cada 100.000 habitantes, o ministro de Saúde, Jens Spahn, definiu a situación como “unha pandemia dos non vacinados”, en tanto a chanceler en funcións, Angela Merkel, impulsa unha xuntanza a vindeira semana cos estados federados para estudar novas medidas de restrición.

O seu probábel sucesor, Olaf Scholz, indicou a DPA que desenvolverán unha serie de medidas para “lograr que o país supere ben o inverno, o virus aínda está entre nós e ameaza a saúde da cidadanía”.

Rusia mantén a media de contaxios máis alta

Pola súa banda, Rusia, o territorio que na última semana mantivo unha media máis alta de casos rexistrados, arredor de 40.000, volveu transmitir onte unha cifra semellante (40.759), con 1.237 persoas falecidas, co cal superan as 250.000 desde o comezo da pandemia.

O Executivo de Vladimir Putin explicou que a repunta de infeccións é derivada da agresividade da variante delta, a falta de cumprimento das normas sanitarias por parte da poboación e pola taxa de vacinacións con pauta completa, localizada no 48%.

Co obxectivo de reducir o impacto da doenza, as e os rusos recibiron unha semana de vacacións pagadas para estabilizar a situación. Porén, cinco rexións optaron por prorrogar o tempo de vacacións ao constatar unha deterioración nos datos.

Xunta Alemaña e Rusia, os territorios cunha media máis alta no número de casos confirmados nas últimas xornadas son Reino Unidos (33.477), Ucraína (21.669) e Polonia (14.089). No caso británico, despois dun último mes cos hospitais saturados, logo de ser dos primeiros lugares en acabar coas restricións sociais e o uso da máscara, no xullo pasado, os datos melloran paulatinamente. De feito, onda Belarús, Letonia, Serbia, Romanía e Moldavia, son os únicos países do continente onde as cifras melloraron nas últimas tres semanas.

Relaxación das restricións

O director da Organización Mundial da Saúde en Europa, Hans Kluge, xustificou o incremento do 55% nos casos de Covid-19 en Europa no último mes baseado en dúas premisas, a estabilización da vacinación e a relaxación das medidas de saúde pública e as restricións sociais ao tempo que soben os contaxios.

“Sabemos o que hai que facer: vacinación, máscaras e ventilación. E agardemos dispor pronto de tratamentos”, apuntou Kluge, que alertou de que unha proxección do Instituto de Avaliacións de Saúde en Seattle (nos Estados Unidos) estima que até o 1 de febreiro poden morrer medio millón de persoas máis en Europa, que xa acumula máis de 1.500.000 óbitos.

Vacinación

Outro dos factores que potencian este novo espallamento da Covid-19 é a diverxencia no proceso de vacinación. Incluso no seo da Unión Europea, que supera amplamente o 70% de poboación vacinada, danse situacións como as de Bulgaria e Romanía, onde só contan co 15% e 27% de habitantes cunha dose dalgunha das vacinas contra a SARS-CoV-2.

Con todo, Estados como Reino Unido ou Alemaña aínda teñen máis de 16 millóns de persoas da poboación maior de 12 anos sen vacinar, case 7 millóns Italia e case 4 millóns o Estado español.

Amais de lanzar campañas para acelerar o proceso de inoculación, como a “semana da vacinación” en Suíza, que decorrerá até o 14 de novembro, comezan os debates para aplicar medidas específicas para as persoas sen vacinar.

Austria, con case 12.000 contaxios nas últimas 24 horas, está a padecer 10 veces máis infeccións que hai un mes, polo que o Goberno está a negociar o confinamento das persoas sen ningunha dose dos compostos contra o coronavirus.

Até nas zonas con mellores datos dentro do continente, como é o caso de Francia, que se atopa en niveis de transmisión similares a Austria, o ministro de Saúde, Olivier Veran, recoñeceu na TF1 que “o que estamos a experimentar claramente parece o inicio dunha quinta onda”, co cal prevese a imposición de novas medidas de restrición de cara ás celebracións do final do ano.

Comentarios