21,6% das mulleres políticas sofren acoso sexual en liña

Un equipo da Universidade da Coruña (UDC) recolle unha "importante incidencia" da hostilidade dixital contra as persoas que desempeñan cargos de representación política. (Foto: UDC)

Un estudo da UDC revela "gran hostilidade dixital con fondo machista" contra a representación política

Un equipo da Universidade da Coruña (UDC) recolle unha "importante incidencia" da hostilidade dixital contra as persoas que desempeñan cargos de representación política, así como as connotacións machistas destes ataques.

O equipo formado polas profesoras Teresa Piñeiro Otero e Ana González Neira, da Facultade de Ciencias da Comunicación; Laura Castro Souto, Beatriz Pérez Sánchez, Laura Morán Fernández e Verónica Bolón Canedo, da Facultade de Informática; o docente no Mestrado Universitario en Políticas Sociais e Intervención Comunitaria, Adrián Gonçalves Barbosa; e as investigadoras Lucía Álvarez Crespo e María Eugenia Ambort; é o responsábel do proxecto de investigación ‘Axítate. Asimetrías de xénero na comunicación política dixital’, que aínda non se publicou.

Segundo explican nun comunicado, a forma máis común de acoso dixital é a recepción de mensaxes de odio, que van desde insultos até comentarios denigrantes (o 21,9% dos homes e o 34,8% das mulleres que participaron afirman ser obxecto deste tipo de violencias).

Indican que outras formas máis organizadas de acoso, como campañas de desprestixio ou a difusión de información falsa tamén están presentes na contorna dixital político.

Cando indagan sobre as motivacións detrás destes ataques, explican, os integrantes das cámaras de representación sinalan cuestións de tipo político "fundamentalmente". Ideoloxía (60,6%), partido de pertenza (57,5%) ou posicionamento (39,4%) teñen máis peso que outros factores, como o xénero (11,9% de respostas, fundamentalmente de mulleres).

Impacto na saúde mental das políticas

Con todo, destacan que o estudo constatou a existencia dun nesgo de xénero nestas violencias, tanto na súa manifestación como nas persoas que as exercen.

O único tipo de violencia no que observan diferenzas significativas de xénero é no acoso sexual en liña. Así, un 21,6% das políticas participantes afirman sufrir este tipo de violencia nas redes sociais, unha realidade que só experimentaron o 6,9% dos homes.

Así mesmo, as políticas participantes tenden a identificar os seus agresores con homes, mentres que os políticos homes sinalan a mulleres e homes na mesma proporción. Entrevistas con 25 mulleres políticas, de diversos partidos e ámbitos de actuación, "puxeron de manifesto a súa preocupación pola hostilidade que reciben nas redes sociais así como a impunidade dos agresores".

Afirman enfrontarse "con frecuencia" a ataques orquestrados e campañas de desprestixio "para desgastalas e amedrentalas". Na súa maioría, ademais, as mulleres políticas identifican esta violencia en liña como "diferente" á que enfrontan os seus colegas homes. Coinciden en sinalar un enfoque dos ataques cara ao persoal (aspecto físico, vestimenta, preferencias sexuais, etc.), así como o uso de cualificacións que minimizan o seu papel, a súa valía política ou que as cousifican.

"A constante exposición a presións e agresións leva ás mulleres para limitar, reformular e mesmo a desistir de participar en determinadas plataformas e debates. Unhas medidas de autoprotección que repercuten directamente nunha perda de pluralismo", recalcan.

Por contra, destacan, para moitas estes ataques supoñen un "impulso para seguir loitando". E é que o estudo tamén reflicte a persistencia dunha visión destas violencias como "unha problemática individual que se fai patente na falta de apoios de colegas, mesmo dentro do seu partido".