Medio Ambiente

200 plataformas e colectivos piden unha moratoria eólica: "Os monte son nosos, non dos mafiosos"

(Foto: Arxina)
Coordinadora Eólica Así Non concentráronse esta quinta feira diante do Parlamento galego, coincidindo co debate de investidura, para reclamar unha moratoria na autorización de proxectos eólicos. Unha delegación da entidade presentou no rexistro da Cámara un decálogo coas súas reivindicacións "para un modelo enerxético xusto, sustentábel e ao servizo do pobo" galego.

"Os monte son nosos, non dos mafiosos", "Eólica así non" ou "Amil sen eólicos" eran algunhas das faixas que na tarde de onte podían verse fronte ao Parlamento galego, respondendo á convocatoria da Coordinadora Eólica Así Non, que representa ao redor de 200 colectivos e plataformas.

"Estamos aquí para lembrar que o modelo eólico vixente é insustentábel", afirmou en declaracións a Nós Diario Belén Rodríguez, portavoz da coordinadora. "Non se pode seguir con este modelo, feito ao ditado do lobby enerxético, hai que ir a outro modelo, que respecte o medio ambiente e o medio rural", acrecentou. 

Unha delegación das entidades que forman parte da Coordinadora presentaron no rexistro do Parlamento o seu decálogo de reivindicacións "para un modelo enerxético xusto, sustentábel e ao servizo do pobo", que foi consensuado polos diferentes sectores sociais nas xornadas Temos Alternativa que decorreron o pasado ano en Pontevedra. 

Moratoria

No escrito, dirixido tanto aos grupos parlamentarios como ao presidente da Xunta da Galiza, pídese o estabelecemento dunha moratoria na autorización de proxectos eólicos e unha planificación enerxética na que se contemple o cumprimento das obrigas ambientais, o aforro e a eficiencia sobre a xeración eléctrica, a intervención pública na produción e distribución da enerxía ou a restauración da participación "libre e democrática" da cidadanía "na toma de decisións sobre o aproveitamento dos nosos recursos".

Preguntada sobre o anuncio realizado esta terza feira por Alfonso Rueda no Parlamento sobre a decisión do Goberno galego de recorrer as anulacións de parques eólicos decretadas polo TSXG, Rodríguez acusou o Goberno galego de estar abeirando "a prevaricación": "Anúlanse parques pola xustiza e eles continúan autorizando outros". A portavoz da coordinadora cifrou en 30 os parques paralizados cautelarmente polas resolucións do alto tribunal galego.

"Inseguridade xurídica"

Para Eólica Así Non, o único responsábel da inseguridade xurídica e bloqueo que envolve o desenvolvemento da enerxía eólica na Galiza "foi e segue a ser o Goberno da Xunta do PP", o cal impulsou nos últimos anos "unha nefasta política eólica ao ditado do lobby enerxético, baseada no impulso de reformas normativas 'golpistas' e antidemocráticas destinadas a minguar a capacidade de intervención da cidadanía nas decisións e as garantías de protección ambiental do territorio". 

Por último, a coordinadora anunciou que manterá a dinámica de "mobilización social e loita organizada" impulsada nestes anos, pois son as que "están conseguindo manter o pulso á invasión eólica".