Os '19 de Meirás' celebran a "vitoria do pobo galego" após o arquivo da causa.

Acción dos 19 de Meirás para exixir a devolución do pazo e denunciar as represalias da familia do ditador contra este colectivo (Foto: Nós Diario).
Nun comunicado, os activistas absoltos mostraron o seu "enorme orgullo" coa acción desenvolvida aquel 30 de agosto, "sen dúbida fundamental para que se avanzase na recuperación do pazo de Meirás para o pobo galego".

O grupo de activistas coñecidos como os '19 de Meirás' celebrou esta quinta feira que a Sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña confirmase o arquivo da denuncia presentada pola Fundación Franco e outros familiares do ditador contra eles, que despregaron pancartas nunha protesta no ano 2017 na que pedían a recuperación para a titularidade pública do pazo situado en Sada.

Nun comunicado, os activistas absoltos mostraron o seu "enorme orgullo" coa acción desenvolvida aquel 30 de agosto, "sen dúbida fundamental para que se avanzase na recuperación do Pazo de Meirás para o pobo galego".

"Vitoria do pobo"

Así, cualificaron como unha "vitoria do pobo galego" o arquivo desta causa. "Os Franco perderon a batalla social, a legal e agora, por fin, tamén a xudicial", engadiron.

Por todo iso, os activistas agradeceron "todos os apoios recibidos para que, á fin, máis de cinco anos despois terminase esta inxustiza".

Os Franco perderon a batalla social, a legal e agora, por fin, tamén a xudicial

"Sen dúbida este arquivo definitivo é unha mala noticia para os Franco, a Fundación Franco e os franquistas. Tentaron amedrentarnos e calarnos, pero non puideron connosco. Tentaron todo para meternos no cárcere e facer caixa cunha multa de medio millón”, reivindicaron.

"O triste é que quen tiña que estar no banco dos acusados non eramos nós, senón os que seguen facendo enaltecemento da ditadura militar e humillación ás vítimas", engadiron no comunicado os '19 de Meirás'.

Tras esta decisión, os activistas pediron que o Pazo sexa transferido á Administración galega e que o obxectivo do mesmo sexa honrar a memoria democrática do pobo galego.