10 dos 20 concellos no Estado con maiores porcentaxes de vivendas baleiras están na Galiza

Caen os procedementos para recuperar as ocupadas de forma ilegal: 19 procesos no primeiro trimestre.

A proporción de vivendas baleiras na Galiza respecto do total do parque inmobiliario galego dobra á do conxunto estatal, ao situarse en 28,8%, o que supón que case tres de cada 10 atópanse nesta situación, fronte ao 14,4% da media, segundo os últimos datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE.

De acordo con estas cifras, as vivendas baleiras na Galiza nese ano alcanzaron as 506.370, dun total de 1.757.739. En todo o Estado son máis de 3,8 millóns as vivendas baleiras dun parque inmobiliario composto por máis de 26,6 millóns de vivendas.

Os procedementos para recuperar vivenda ocupada ilegalmente en Galiza redúcense. Así, os xulgados galegos ingresaron 19 demandas por ocupación ilegal de vivendas no primeiro trimestre do ano en casos nos que os propietarios son persoas físicas, entidades sen ánimo de lucro ou entidades públicas posuidoras de vivenda social, 34,5% menos que nas mesmas datas de 2022.

Pondo en relación o número de procedementos ingresados coa poboación, na Galiza rexistráronse 0,7 por cada 100.000 habitantes, por baixo da media.

Estas cifras despréndense da estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) sobre o efecto da crise en órganos xudiciais. Dos 19 procesos na Galizano primeiro trimestre, oito correspóndense con Pontevedra, seis coa Coruña, catro con Lugo e un con Ourense.

Sobre a problemática de vivendas baleiras, segundo a última información publicada polo INE respecto diso, dez dos 20 municipios con maiores porcentaxes de vivendas baleiras atópanse na Galiza, e ningún é galego entre os de menor porcentaxe.

Así, entre os municipios maiores de 10.000 habitantes segundo porcentaxe de vivendas baleiras figuran Mos (46,5%), Monforte de Lemos (40%), Verín  (38,4%), Lalín (35,8%), O Porriño (34,9%) e Bueu (34,8%), Viveiro (34,7%), Rianxo (34,4%) e Betanzos (32,8%) e Sarria (32,7%).

Pola súa banda, entre as cidades maiores de 200.000 habitantes segundo porcentaxe de vivendas baleiras sitúanse Vigo (15,1%) e A Coruña (14,7%).