sábado 23/01/21

A Xunta reduce á metade o tempo para resolver informes de eólicas

O PP rexistrará no Parlamento galego o proxecto de lei de reactivación económica co que pretende reducir a un ano o tempo máximo de agarda das empresas por informes administrativos para grandes proxectos como os eólicos ou eléctricos. De a resposta non chegar a tempo, a solicitude darase por aceptada.
Alberto Núñez Feixoo, no Consello de Goberno (Foto: Arxina)
Alberto Núñez Feixoo, no Consello de Goberno (Foto: Arxina)

O anteproxecto de lei de reactivación económica que aprobou esta quinta feira, 26 de novembro, o Consello de Goberno e que presentou en rolda de prensa o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, suporá, segundo as súas palabras, "unha simplificación administrativa e facilitará a implantación das iniciativas empresariais", reducindo  o prazo de emisión de informes. 

Isto permitirá que un proxecto de xeración eléctrica nun polígono industrial -que na actualidade tería que agardar por prazos administrativos uns 28 meses de media para realizarse- verá reducida a espera a tan só un ano. Este exemplo, posto polo propio Feixoo, tamén se daría, segundo indicou, en proxectos de parques eólicos, que na actualidade tardan de media 24 meses por prazos administrativos e a pretensión é que fiquen reducidos a 12. Así mesmo, ante os 39 meses de agarda por informes que require a instalación dunha liña eléctrica de transporte, agora reduciranse a un ano. 

Así exemplificou a "axilidade administrativa" que reinará na Administración autonómica reducindo os prazos de emisión de informes a grandes proxectos a un ano e no resto, a tres meses -sempre que non haxa norma estatal que marque un tempo diferente-. Se nese prazo non hai resposta da Xunta, os trámites daranse por aceptados. "Haberá estrés administrativo" nos vindeiros meses, recoñeceu Feixoo.

A nova lei será para o presidente "un texto innovador na lexislacion galega, tanto en patrimonio histórico, como en lexislación ambienta, urbanística, eólica e eléctrica".

Beneficios fiscais

O novo texto legal tamén estabelece beneficios fiscais para a adquisición de inmóbeis vinculados a iniciativas empresariais en zonas pouco poboadas ou áreas rurais (92% do territorio) como pode ser a construción dunha nave industrial ou de calquera outra edificación empresarial. Neses casos haberá exención de 100% do imposto de transmisión patrimonial e do de actos xurídicos documentados, unha bonificación que será de 50% en cidades. 

O presidente quere ter a norma aprobada polo Parlamento en febreiro, para cando cheguen os primeiros fondos europeos. Por iso, segundo asegurou, será o grupo parlamentar do Partido Popular quen rexistre na Cámara o anteproxecto de lei, en lugar de facelo o Executivo. Unha práctica que Feixoo vén de utilizar coa reforma da lei de saúde, pois tamén foi aprobada polo Consello de Goberno mais foi o PP quen a presentou no Hórreo. Preguntando por isto, Feixoo asegurou que é a forma de axilizar os trámites. 

Durante a comparecencia o  mandatario defendeu "rebaixar impostos" e cargou contra o acordo alcanzado polo PSOE con ERC para a denominada "harmonización fiscal" para combater o dumping fiscal da Comunidade de Madrid, que reduce os impostos a empresas para favorecer que se asenten no seu territorio nunha 'competencia desleal' co resto de comunidades. "Subir impostos" non é unha "harmonía", zanxou.

Cesa o "intocábel" xestor dos incendios forestais

O até de agora director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, foi relevado deste posto en que levaba desde 1996, con Manuel Fraga na Presidencia da Xunta, e no que revalidou após o Goberno bipartito, coa chegada de Feixoo a San Caetano. Couto suma máis de 20 anos á fronte da xestión dos lumes e foi unha das figuras máis polémicas da Xunta, sendo foco dunha investigación pola adxudicación do servizo de helicópteros contraincendios, que resultou arquivada. A CIG denunciou en 2012 unha adxudicación a dedo de 6,6 millóns á empresa Inaer para contratar o servizo de transporte en helicóptero de brigadas e a Xunta argumentou que se debeu á proximidade da época de lumes e que non dera tempo a convocar o concurso público.

En 2013 convocouse concurso para ese ano e o seguinte, presentouse Inaer e outra empresa, mais a Xunta declarouno deserto, abrindo outro procedemento con empresas convidadas ao que só concorreu Inaer, que resultou adxudicataria. "A Consellaría debeu convocar un novo procedemento aberto", dixo o Consello de Contas sobre o caso. O informe deste organismo de 2014 sinalou a existencia de irregularidades en contratos de 2008 a 2012 en que Inaer resultou adxudicataria. 

As peticións de demisión de Couto foron recorrentes por parte da oposición. O pasado mes de setembro a CIG, Adega, Fruga e SLG pediron o seu cesamento por "non reforzar" os equipos de extinción e vixilancia dos lumes. Este verán tamén estourou o conflito co persoal técnico do servizo de prevención de incendios, que  exixía melloras na coordinación, maior seguridade e ampliar o persoal. O novo director xeral é Manuel Rodríguez Vázquez, ex director da Axencia Galega Agroalimentaria e ex xefe territorial da Consellaría de Medio Rural na Coruña. 

Feixoo delega noutros Gobernos fechar Galiza

A unha semana da ponte de decembro, o Goberno galego non adianta se a Galiza estará aberta ou confinada. En anteriores feriados a Xunta non decretou o cerre do país, asegurando que xa ficaba fechado dado que o norte de Portugal, Asturies e Castela e León tiñan confinamento perimetral.

A preguntas de Nós Diario sobre a situación da Galiza ante a posibilidade de que Castela e León fique aberta (a comunidade aínda non confirmou se prorrogará o seu actual feche), Feixoo respondeu que haberá reunións do comité clínico a vindeira semana e que "con antelación" tomará decisións. "Non gañamos nada en adiantar información que posteriormente poida ser matizada", dixo o presidente, engadindo que se for "necesario fechar Galiza porque outras comunidades" non cerran "farémolo", e  se non for imprescindíbel, dado que practicamente ese feche é de facto [ao cerraren os territorios veciños], non será necesario tomar unha decisión ao respecto".

comentarios