A Xunta privatiza a xestión de dúas residencias públicas
A Xunta destinará millóns de euros a contratar a xestión privada de dúas residencias públicas, en Bande (Baixa Limia) e no Carballiño, ambas de titularidade da Administración galega, e facendo ouvidos xordos ás demandas de que fosen de xestión pública, expresadas entre outros polo Comité de Persoal de Política Social en Ourense.
As residencias de maiores de Bande e do Carballiño —con 50 prazas a primeira e 80 a segunda— non van ser de xestión pública malia que a súa titularidade é pública, da Xunta da Galiza. O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, anunciou esta segunda feira que o seu Executivo comeza o procedemento para contratar a xestión privada de ambas as residencias, por un importe de sete millóns de euros.
O titular da Xunta indicou que "no seu momento houbo problemas económicos" que levaron a empresa que daquela xestionaba os centros "a abandonar", o que obrigou o Goberno galego a intervilas a principios de ano, o que agora enlaza cun procedemento para a xestión privada, renunciando a mantelas na xestión pública directa. O anuncio chega pouco despois de que, a principios de mes, Rueda anunciara tamén a licitación da xestión da residencia de Ferrol doada á Xunta da Galiza pola Fundación Amancio Ortega.
A Xunta da Galiza entregará 103 millóns de euros ás residencias privadas en 2026, segundo o proxecto de Orzamentos para o vindeiro ano, 41% máis que en 2020.
Na Galiza había en 2024 un total de 21.389 prazas en residencias para maiores, distribuídas en 325 centros. Das 21.389 prazas, máis de 9.000 están en centros privados con ánimo de lucro (42% do total de prazas), mentres que 2.295 son de titularidade pública pero xestionadas por empresas con ánimo de lucro (11%). Hai máis de 7.600 prazas que son de titularidade privada e sen ánimo de lucro. Desas máis de 21.000, só 2.122 son de titularidade e xestión pública, ou sexa, unha de cada 10.
Eucaliptos
Na mesa rolda de prensa en que Rueda informou da privatización das residencias, após a reunión semanal do Consello da Xunta, o presidente asegurou que a Administración autonómica segue co obxectivo de manter "en cifras razoábeis" o número de eucaliptos despois de que o Inventario Forestal Continuo da Galiza detectara un aumento nos dous anos da moratoria de 6% na superficie ocupada por esta especie. En canto á relaxación da moratoria, reiterou que non foi "unha decisión sinxela" e recoñeceu que "probabelmente non satisfaga todas as partes".
Vendima
O presidente tamén ofreceu datos da vendima de 2025, "a terceira máis abundante desde que hai datos", e na que se recolleron 76 millóns de kg de uva nas cinco denominacións de orixe. "A uva branca representa 90% do total", sinalou.
Taxa do lixo
Canda Rueda compareceu a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, para anunciar que en 2026 destinarán 21 millóns de euros para "axudar" os concellos a "afrontar" a suba da taxa do lixo, incremento do que responsabilizou o Goberno estatal, malia que varios Concellos sinalan o modelo Sogama da Xunta como responsábel do encarecemento.

