O sector dos coidados para de novo para exixir "condicións dignas": "Queremos que se poña fin á mercantilización dos coidados"
O persoal do sector de coidados das residencias de maiores e centros de día privados máis dos servizos de axuda no fogar secundaron esta terza feira unha nova xornada de folga para reclamar convenios colectivos que dignifiquen as condicións de traballo e garantan unha atención de calidade ás persoas usuarias.
Convocadas pola CIG-Servizos, centos de traballadoras mobilizáronse na Coruña, Compostela, Lugo, Ferrol, Ourense, Pontevedra, Ponteceso, Carballo (Bergantiños) e Ponteareas (O Condado), localidade onde o persoal do SAF mantén protestas diarias desde o pasado 26 de setembro polos graves incumprimentos da empresa concesionaria e a desidia do Goberno local.
Os colectivos de traballadoras denuncian o deixamento das patronais, que se negan a sentar para pactar unha mellora das condicións laborais e a "complicidade" da conselleira de Política Social, Fabiola García, malia ser a Xunta "a máxima responsábel dos servizos de atención ás persoas dependentes". A precariedade rexe as súas xornadas de traballo, afirman, por iso reivindican convenios colectivos que dignifiquen a súa situación e garantan un servizo de calidade, ademais de suplir a ausencia de acordos desde o ano 2012 no SAF e desde 2023 no ámbito das residencias, polo que arrastran "salarios baixos" desde hai anos.
Sistema público de servizos
A desta terza feira foi a sétima xornada de folga convocada pola CIG desde setembro no sector de coidados, que contou "cun importante seguimento" en todo o territorio, informou a central nacionalista. Segundo alertou, "a precariedade vaise perpetuar" a teor do proxecto de orzamentos autonómicos para 2026 que vén de presentar o Goberno galego, "xa que non se incrementan o necesario para dotar de condicións dignas" o conxunto dos servizos dedicados á atención de persoas con dependencia, ben nos seus domicilios, ben na rede de residencias privadas.
Segundo denuncia a CIG-Servizos, trátase de partidas orzamentarias "non fechadas", polo que en calquera momento se poden mover contías millonarias para outros servizos, "como aconteceu recentemente na partida destinada aos SAF, da que a Xunta detraeu 17 millóns de euros".
A central sindical seguirá apoiando as "xustas reivindicacións" das milleiros de empregadas do sector, que continuarán a loitar polos seus dereitos laborais ante a "inacción" e a "falta de vontade política" para dignificar o sector da dependencia e a atención domiciliaria. "Seguiremos esixindo que se escoite o persoal, que se melloren as condicións laborais e que se poña fin á mercantilización dos coidados".
Na mesma liña, a CIG-Servizos, ao carón dos colectivos de traballadoras do sector dos coidados da Galiza, seguirá a reclamar un sistema público galego de servizos de atención ás persoas que integre os centros asistenciais e residenciais da terceira idade, os centros de día, os centros de atención á diversidade, os servizos de axuda no fogar e outros recursos como Casas Niño, Casas do Maior, o programa Xantar na Casa ou mesmo o servizo de transporte adaptado. "Servizos que teñen que estar dotados suficientemente tanto de infraestruturas e material como de recursos humanos e nos que se dignifiquen as condicións laborais e salariais do persoal, maioritariamente mulleres, coa aplicación do mesmo convenio".
Protocolo de seguridade do SAF: sen cobertura económica nin normativa
Por outra parte, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) acolleu tamén esta erza feira a segunda xuntanza da mesa de traballo para a elaboración dun protocolo de seguridade para o persoal do Servicio de Axuda no Fogar (SAF), na que as persoas representantes do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral da Galiza (ISSGA) presentaron a proposta de protocolo anunciada polo presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda.
A reunión contou coa participación de persoal da Inspección de Servizos Sociais da Consellaría de Política Social, do persoal do ISSGA e da Delegación do Goberno español, ademais dunha representación das asociacións empresariais do sector (Agesaf e Asade), dos sindicatos CIG, CCOO, CSIF e UXT e do Colexio Oficial do Traballo Social da Galiza. Canda a eles, unha delegación da Fegamp encabezada polo seu presidente, Alberto Varela.
Persoal do ISSGA avanzou na presentación dunha ferramenta capaz de achegar procedementos de avaliación de riscos previa e de atención das situacións de risco acontecidas, mais aínda aberta a achegas para a súa concreción. Neste sentido, a mesa de traballo cuestionou a falta de información sobre a cobertura económica e sobre as modificacións normativas necesarias para abordar situacións relativas á suspensión do servizo en caso de risco e ao servizo alternativo para a persoa dependente afectada, unha carencia que se comprometeron a corrixir con propostas a debater na vindeira reunión.
Para a CIG, o encontro confirmou que o suposto protocolo presentado por Rueda "é só un esquema de traballo" que non pode ser efectivo nas actuais circunstancias.


