Traballadoras denuncian agresións nas residencias de maiores tras a Xunta ingresar neles pacientes psiquiátricos

Tentativas de violación, agresións, insultos e ameazas son o día a día da maioría das residencias públicas de maiores da Galiza. O ingreso de pacientes con patoloxías psiquiátricas, toxicómanos ou ex presidiarios nos centros para a terceira idade está a pór en “risco” as traballadoras e as persoas maiores. A conselleira de Política Social “mira cara a outro lado” diante das denuncias das traballadoras e Inspección de Traballo, denuncia o persoal.
A conselleira de Política Social, Fabiola García, este 25 de setembro. (Foto: Xunta da Galiza)
A conselleira de Política Social, Fabiola García, este 25 de setembro. (Foto: Xunta da Galiza)

A Lei Xeral de Sanidade de 1986 levou ao feche da maioría dos hospitais psiquiátricos, chamados daquela “manicomios”. O proceso, levado a cabo en toda Europa ten provocado no caso da Galiza que o Goberno galego optara como unha solución para estes pacientes o seu ingreso en residencias para maiores, que a Xunta da Galiza deu en chamar complexos residenciais de atención a persoas dependentes (CRAPD), e que nos últimos anos están a ser destino de boa parte destes pacientes psiquiátricos, casos de “emerxencia social” ou tutelados da Fundación Galega para a Tutela de Adultos (Funga) na que a Xunta de Galiza ten máis de 3.000 persoas ao seu cargo.

As traballadoras destas residencias públicas aseguran a Nós Diario que “non podemos máis, estamos asumindo a diario un risco evidente para todas, e os máis vulnerábeis son as persoas maiores residentes”, explica Montserrat Rodríguez, traballadora da residencia de Campolongo (Pontevedra), delegada de prevención de riscos laborais de CSIF. Critica que “o que fixo a Xunta con estes pacientes foi aparcalos nas residencias, sen persoal, instalacións e as medidas de seguridade”. 

Na práctica está a provocar “un deterioro bestial nas residencias públicas e concertadas” de todo o país. As traballadoras destes centros -nun 99% mulleres- e as persoas maiores residentes están a padecer situacións reais de perigo para a súa integridade física e mental. Nestas residencias acontecen “sucesos moi graves” como unha tentativa de violación por parte dun destes pacientes psiquiátricos a unha traballadora no CAPD de Vigo.

A única resposta a esta denuncia desde a Consellaría de Política Social foi “trasladar este usuario a unha praza concertada nunha residencia privada de Lugo”, explica Porral. Inspección de Traballo visitou o centro hai catro meses e emitiu un informe “demoledor” no que recoñece “estrés post traumático” e “risco” para traballadoras e usuarios. O informe, remitido á Xunta con medidas a adoptar, non supuxo “ningunha medida na práctica”, explican. Dina Porral, traballadora do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade de Chapela (Redondela, comarca de Vigo), explica a Nós Diario que “levamos tres anos con este problema”. No día a día, sinala que “estes pacientes saen e compran alcol, beben, emborráchanse, rouban, agriden e ameazan” tanto as traballadoras como os maiores residentes. A situación é tal que cada día aumentan “as baixas das traballadoras por estrés e por medo”, e as maiores residentes “dormen co bolso baixo a almofada e viven ameazadas por persoas coas que mesmo chegan a compartir habitación”. 

Paula Lorenzo traballa na Residencia de Maiores de Oleiros (comarca da Coruña) e fai parte da executiva comarcal da CUT na Coruña. No centro hai “sobre 30 destes pacientes, de todas as idades, mesturados por todas as unidades”. Denuncia o ingreso neste centro de ex convictos condenados por homicidio. Afirma que “estamos enfrontando situacións complicadas que solucionamos por instinto” e di que “nos están esnaquizando física e psicoloxicamente”. Só na última semana, recoñece Paula, “polo menos dous días rompín a chorar ao chegar ao coche despois do traballo”.

Sen atención psiquiátrica nin seguimento

Un psiquiatra do Sergas que prefire gardar o anonimato  explica a Nós Diario que a Xunta da Galiza fechou os psiquiátricos “e buscando prazas moitos deles acabaron nas residencias de maiores porque non tiñan onde colocalos”, o problema con estes ingresos é que “presentan trastornos da conduta e convértense en elementos disrruptivos nas residencias, complicando a convivencia”. Explica este psiquiatra que o perfil destes pacientes é maioritariamente homes con amplo historial de consumo de substancias e patoloxías mentais”. 

Preguntado pola atención psiquiátrica que reciben estas persoas unha vez ingresadas nas residencias de maiores, este psiquiatra explica que “oficialmente en todas as áreas sanitarias da Galiza -un total de sete- hai un equipo psicoxeriátrico composto por un ou dous psiquiatras e un enfermeiro”. 

Estes equipos terían que visitar todas as residencias xeriátricas públicas ou semipúblicas do país, na práctica o que acontece é que “poden facelo unha vez ao mes ou á semana pero a atención é fundamentalmente telefónica ou trasladados a consulta”. 

Ratifican esta falta de atención as traballadoras das residencias consultadas por Nós Diario, explica Paula Lorenzo que moitos “están mal medicados, porque os nosos doutores son xeriatras, non son especialistas pisquiátricos, iso provoca que moitos se desestabilicen, vivimos situacións moi complicadas e os maiores están mortos de medo”. 

Denuncia tamén Dina Porral, delegada da CIG no comité de empresa de Política Social, que hai casos como a residencia de asistidos de Vigo -a maior da Galiza- no que estes pacientes supoñen “52% das prazas totais”, e para atendelos “hai unha psiquiatra unha vez por semana”. 

Estes pacientes psiquiátricos e de emerxencia social que están a ser colocados nas residencias de maiores na Galiza teñen entre 30 e 50 anos, problemas de drogodependencias e de saúde mental. Chegan aos centros de maiores cunha medicación pautada pero, segundo sinalan as traballadoras que conviven a diario con eles “a maioría néganse a tomar a medicación e nós non podemos obrigalos”. As traballadoras denuncian que sofren a diario agresións -tamén sexuais-, insultos e ameazas”. Moitos destes residentes chegan aos centros de maiores por decisión xudicial, algúns son ex convictos e mesmo hai usuarios con pulseiras de localización por violencia de xénero, explican as traballadoras.

“A semana pasada tivo que ir a Policía a unha residencia porque un ex presidiario ameazaba as traballadoras con cortarlles o pescozo porque lle dixeron que tiña que tomar a medicación”, explica Montse Rodríguez.

Nesta situación, afirman que “estamos fartas de denunciar isto á Consellaría de Política Social e que miren para outro lado”. Aseguran que estes centros non están pensados nin preparados para este tipo de pacientes e “ao final pagan os máis vulnerábeis, a xente maior que merece rematar as súas vidas con coidados, tranquilidade e dignidade”.


Xornada de folga en residencias, centros de día e no SAF

As traballadoras das residencias privadas da terceira idade, centros de día e servizos de axuda no fogar (SAF) secundaron esta quinta feira a cuarta xornada de folga convocada pola CIG neste mes para demandar condicións salariais e laborais dignas. "Para visibilizar a súa loita, e ante as dificultades que implica levar adiante unha folga con servizos mínimos abusivos", sinalou a CIG, as traballadoras mobilizáronse en distintas localidades ao longo de todo o país e diante de numerosos centros residenciais, saíndo diante dos postos de traballo a apoiar a folga, arroupadas ademais por persoas usuarias. A CIG fixo unha valoración positiva destas catro xornadas de folga, "malia os abusivos servizos mínimos decretados, sobre todo no SAF". Reclaman convenios dignos e salarios decentes no sector.

Comentarios