BNG presenta unha campaña social para que o Goberno do Estado aplique xa as rebaixas na AP-9

A formación nacionalista solicita que a tramitación da transferencia da autoestrada se faga pola vía de urxencia coa perspectiva futura de acadar unha "AP-9 galega e libre de peaxes". 

BNG presenta unha campaña social para que o Goberno do Estado aplique xa as rebaixas na AP-9 [Imaxe: Arxina].
photo_camera BNG presenta unha campaña social para que o Goberno do Estado aplique xa as rebaixas na AP-9 [Imaxe: Arxina].

O Bloque Nacionalista Galego vén de lanzar unha campaña para presionar o Goberno estatal a que cumpra co acordo de investidura selado entre nacionalistas e PSOE, que recollía medidas para rebaixar as peaxes da AP-9, tres partidas (bonificación a usuarios recorrentes, eliminación da peaxe entre Vigo e Redondela e asunción vía PGE dos aumentos anuais durante 20 anos) cuxa aplicación "non hai razón de ningún tipo para que se demore".

Así se expresou o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, en declaracións aos medios en Santigo de Compostela, onde, acompañado pola deputada no Parlamento de Galiza, Iria Carreira, e as concelleiras de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartin e Navia Rivas, así como por militantes da formación, iniciaron a campaña que ten como obxectivo que o Executivo estatal "poña canto antes en marcha as medidas acordadas para a baixada das peaxes".

Segundo Rego, as tres medidas incluídas no acordo de investidura poderían xa estar en vigor desde o 1 de xaneiro, data na que entraron en funcionamento os Orzamentos Xerais do Estado. "Non é aceptábel que nesa data, na que xa hai orzamentos vixentes, no canto de anunciarse a baixada de peaxes, o que se anunciou foi que a AP-9 era por cuarto ano consecutivo a autoestrada do Estado que máis subía", incidiu o parlamentario nacionalista.

Tras lembrar que "a maioría" das autoestradas da xeración da AP-9 son ou quedarán libres ao terminar a concesión nestes anos mentres que na Galiza a concesión foi ampliada até 2048; Rego urxiu o Goberno para cumprir cos seus compromisos.

"Entendiamos que xaneiro era un prazo máis que suficiente para a redacción do decreto para a redución destas peaxes, que de feito e podían facer xa con anteroridade", engadiu, antes de sinalar que ante a ausencia de pasos adiante para o seu cumprimento, o BNG decide pór en marcha unha campaña que, polo momento, se cinguirá ao ámbito informativo e das redes sociais polas circunstancias sanitarias.

Rego: Do que se trata é de rematar un agravio, cunha discriminación que padecemos todas as galegas e galegos.

Deste modo, o deputado avanzou que convocarán mobilizacións cando a evolución da pandemia o permita para demandar unha cuestión "na que o BNG non está só" porque ten "a sociedade galega detrás".

Críticas ao PP e Psoe

Así, Néstor Rego criticou a "demagoxia e hipocrisía" de PP e PSOE sobre a AP-9 e que, segundo o deputado, leva estes partidos para cambiar a súa postura en función de se se atopan no Goberno do Estado ou non.

Como exemplo diso sinalou o voto contrario do PSOE vigués no pleno local a unha moción presentada polo Bloque sobre a AP-9 días despois de que "Gonzalo Caballero dixese no Congreso" que as peaxes da AP-9 "parecíanlle un roubo".

Tramitación de urxencia

Por último, o BNG incidiu na súa petición de que a lei para a transferencia da AP-9 ao Goberno galego se tramite pola vía de urxencia e, así, poida estar lista antes do verán.

Para Rego, a transferencia á Galiza da xestión da autoestrada suporía "o primeiro paso" para xestionar a infraestrutura "desde Galiza, con criterios sociais e ambientais", así como para avanzar a que "no futuro a AP-9 non só sexa galega senón tamén libre de peaxes".

Comentarios