A Xunta convida técnicos de Altri ao Consello Forestal

O PP rexeita unha iniciativa do BNG contra a celulosa e fica só na defensa de Altri. Veciñanza de concellos da contorna do Ulla organízanse contra a celulosa.
Bruno Dapena (de pé, á dereita), esta quinta feira, no Consello Forestal [Foto: Cedida].
photo_camera Bruno Dapena (de pé, á dereita), esta quinta feira, no Consello Forestal [Foto: Cedida].

A Consellaría do Medio Rural convocou para esta quinta feira o Consello Forestal da Galiza, adiado máis dun mes polos cambios neste departamento da Xunta da Galiza no novo organigrama. Esta quinta feira, en Boqueixón (comarca de Compostela), logo de entrar os gráficos dos medios e facer declaracións públicas á prensa sobre o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais da Galiza (Pladiga) deste ano, a conselleira do Medio Rural, María Xosé Gómez, informou ao Consello Forestal, xa a porta fechada, de que varios técnicos de Altri participarían na sesión para informar sobre o proxecto da macrocelulosa en Palas de Rei, respondendo así a unha petición do Sindicato Labrego Galego (SLG) e outros colectivos pedindo ao Executivo galego información sobre as implicacións do Proxecto Gama na política forestal galega.

Os integrantes do Consello Forestal da Galiza tiveron noticia  así de que a Xunta non ía ser quen respondería as dúbidas do sector arredor de Altri, pero que estaban convidados, sen avisar, técnicos da empresa. Perto do mediodía chegaba ao hotel no que decorreu a xuntanza deste organismo o director do Proxecto Gama de Altri, Bruno Dapena. A preguntas dos asistentes, Dapena recoñeceu que Altri precisará eucalipto dun radio de 60 quilómetros arredor da planta.

A aparición do director de proxectos de Altri na reunión do Consello Forestal fixo pensar a moitos dos colectivos presentes, segundo explicaron a Nós Diario, que na Xunta “adiaron a data da reunión adrede para que estivera alí”. A explicación que o director do Proxecto Gama fixo para os membros do Consello Forestal non tivo a acollida que esperaban empresa e Xunta, e mesmo testemuñas do debate no interior explicaron a Nós Diario que “o director xeral de Montes tivo que saír a axudar o técnico a defender o proxecto”.

Escoitáronse no Consello Forestal desta quinta feira críticas como a da Organización Galega de Comunidades de Montes (OGCM), que preguntou aos técnicos de Altri se “paga a pena instalar unha planta onde non a quere a xente”. 

Tamén esta quinta feira Greenfiber enviou nota de prensa aos medios cuestionando os datos do informe de SOS Sanidade Pública sobre os efectos que a contaminación da macrocelulosa produciría nas persoas e na cadea alimentaria.

O PP fica só no Parlamento galego na defensa do proxecto de Altri

O PP segue a defender en solitario nas institucións o proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei (A Ulloa). Esta quinta feira, na Comisión de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo do Parlamento galego os populares aprobaron unha proposición non de lei cunha postura positiva sobre a celulosa e a reivindicación diante do Estado español dos fondos e as liñas eléctricas necesarias para a posta en marcha do proxecto. 

Fronte ás críticas e dúbidas de BNG, PSdeG e DO ao respecto, a deputada do PP Cristina Sáinz insistiu en cualificar como “tractor, redondo, estratéxico e de economía circular” o proxecto de macrocelulosa. O PP, en defensa de Altri, acusou o BNG de ser “os do non” e ao PSdeG de “dar bandazos e non situarse claramente”. A iniciativa popular saíu adiante cos oito votos do PP, fronte a seis en contra (BNG e DO) e dúas abstencións do PSdeG.

O debate arredor de Altri reproduciuse na sesión da tarde na Comisión de Agricultura, na que o BNG defendeu unha proposición non de lei para exixir á Xunta da Galiza unha postura contra este proxecto polo seu "impacto ambiental, socioeconómico e mesmo cultural e patrimonial na zona". 

"Atraco"

Foi o deputado do BNG Secundino Fernández quen defendeu a iniciativa, sendo apercibido ao remate pola presidenta da comisión, Elena Candia, sobre o uso de termos como “atraco, esquilmador ou pelotazo”. Saíu en defensa do seu compañeiro de filas o deputado do BNG Luís Bará, que foi chamado á orde tres veces por Candia e convidado a abandonar a Comisión, ao que o deputado nacionalista non accedeu e finalmente a presidenta non lle permitiu votar.

Os resultados da votación na Comisión de Agricultura replicaron os da Comisión de Industria: BNG e DO votaron a favor da iniciativa da formación nacionalista contra Altri; o PP votou en contra e os deputados do PSdeG abstivéronse.

Veciñanza de concellos da contorna do Ulla organízanse contra a celulosa

Os concellos que beben do río Ulla augas arriba do encoro de Portodemouros veñen de dar un paso adiante na loita veciñal iniciada polas comarcas afectadas directamente pola macrocelulosa que Altri quere instalar en Palas de Rei (A Ulloa). 

Esta quinta feira, veciñanza dos concellos de Vedra, Teo e Boqueixón (comarca de Compostela) participou nunha asemblea no local da Asociación Ponte Vella de Pontevea. Alí, arredor de 40 veciñas e veciños destas tres localidades constituíron o colectivo A Ulla Viva, que quere sumarse á loita contra a instalación dunha macrocelulosa promovida pola empresa lusa Altri en Palas de Rei. 

Desde o Colectivo A Ulla Viva contactaron xa coa Plataforma Ulloa Viva para pórse á súa disposición e coordinarse de cara á manifestación deste vindeiro domingo, 26 de maio. Entre o  grupo de persoas que se deron cita na asemblea da Ulla Viva estaban presentes representantes de varias asociacións ou colectivos da zona do Ulla (veciñais, sociais e relacionados coa actividade do río). Como primeira acción a realizar, A Ulla Viva estará na manifestación do 26 de maio en Palas de Rei,  e animan a toda a veciñanza de Teo, Vedra e Boqueixón, e do resto dos concellos da contorna a participar activamente nesta mobilización.

A Ulla Viva tamén ficou emprazada a unha nova reunión que terá lugar o vindeiro 5 de xuño para concretar actividades a realizar no territorio de cara ao futuro inmediato para dar a coñecer e espallar "este importante problema" que se suma "aos que xa padece na actualidade o río Ulla". 

Comentarios