A xuíza detecta indicios de "malversación" no caso dos fondos de Democracia Ourensá

A maxistrada decidiu deixar sen efecto a decisión de sobresemento após un recurso interposto polo ex vicepresidente do partido.
Pérez Xácome no pleno no que se enfrontou a unha moción de confianza. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
photo_camera Pérez Jácome no pleno da súa moción de confianza. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

Após a reactivación do pacto de Goberno entre Democracia Ourensá e o Partido Popular en Ourense, que rachara en setembro a raíz das acusacións de varios edís de Democracia Ourensá -agora no grupo de non adscritos- sobre o uso dos fondos do partido por parte do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, a xuíza volve activar o caso e revela que detecta indicios de "malversación".

A maxistrada titular do Xulgado de Intrución número 3 de Ourense, que tiña sobreseído o caso, agora "ve indicios razoábeis de malversación" na xestión dos fondos de Democracia Ourensá (DO). A polémica volve rodear Pérez Jácome por un recurso do ex vicepresidente da formación política e ex asesor contra o arquivo provisional que se decidira.

Así o confirmou na terza feira o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), que explicou que a xuíza pediu que se enviara unha copia da denuncia e das declaracións recollidas no decorrer da instrución ao Tribunal de Contas. Igualmente, demandou que se faga envío das probas documentais ligadas ás doazóns de asesores e conselleiros de DO á formación política.

Por outra parte, ordenou un informe fiscalizador da actividade económica do partido que lidera Pérez Jácome que recolla os movementos entre o mes de febreiro de 2016 e o 31 de decembro de 2020. Segundo o TSXG, a titular do xulgado quere que sexa examinada "a suxeición ao principio de legalidade" desas achegas.

Desta forma, quedou sen efecto o sobresemento da causa que investigaba as presuntas irregularidades na xestión de fondos porque agora a maxistrada considera que "das contas non resulta xustificación dos múltiples pagos efectuados por canto contábelmente fanse constar cantidades cuxa existencia non consta".

A responsábel da instrución vai máis aló ao afirmar que algunhas testemuñas fan referencia "á contratación dunha persoa para a realización das mesmas funcións para o Concello, a Deputación e Jolper", a tenda de música propiedade do rexedor de Ourense.

Así mesmo ve certa "confusión de patrimonios" após "a declaración dun ex asesor e os requirimentos do Tribunal de Contas, así como a declaración doutro ex asesor que asegura que o alcalde lle dixo que había unha débeda de Auria televisión de 60.000 euros".

Reaccións da oposición e dos partidos de goberno

Ante esta nova, o socio de goberno de DO en Ourense, o PP, dixo ter "máximo respecto" á resolución se ven remarcou que non é "unha sentenza en firme". Porén, para o portavoz socialista, Rafael Villarino, os populares "deberían abandonar" a coalición e permitir a moción de censura porque en setembro marcharon e "agora non poder ser cómplices de Gonzalo Pérez Jácome".

O BNG ten unha postura similar e quere saber se o Partido Popular "segue mantendo que hai que devolverlle a honorabilidade a Jácome" ou se "asumen a responsabilidade e esíxenlle a súa dimisión tal e como se votou no pleno" do mes de setembro.

Neste contexto, un dos edís que alertou das súas dúbidas sobre a xestión económica, Miguel Caride, afirmou que non están "nin máis nin menos contentos". "O que fixemos foi poñer #ante Fiscalía unha serie de feitos, ao principio non atoparon indicios e agora si. Houbo declaracións, houbo probas documentais, houbo testemuñas e hai que continuar coa investigación porque soamente son indicios na actualidade", destacou

Pola súa banda, a través de Twitter, o alcalde afirmou que "segue esperando que se termine arquivando ao non haber base". "O único que me quita o soño é a loita diaria por sacar adiante a cidade desde a Alcaldía", garantiu.

Comentarios