Jácome bota de Democracia Ourensá ao seu vicepresidente, Manuel Álvarez

A asemblea da formación política liderada polo, de momento, alcalde de Ourense, decidirá nos próximos días que sucederá coas e cos outros concelleiros que denunciaron a suposta tramitación irregular de fondos por parte de Pérez Jácome.

EuropaPress_3306975_alcalde_ourense_gonzalo_perez_jacome
photo_camera Imaxe de arquivo de Gonzalo Pérez Jácome. (Foto: Europa Press)

Cando semella que a crise municipal de Ourense está máis preto de chegar ao final, comezan a producirse movementos no seo de Democracia Ourensá, o partido que lidera o aínda alcalde Gonzalo Pérez Jácome. Hoxe mesmo transcendeu a expulsión do vicepresidente, Manuel Álvarez, da formación política.

Jácome optou por esta decisión após que o tamén edil da cidade denunciara, xunto con outras catro compañeiras e compañeiros, as súas sospeitas de que existían irregularidades coas contas do partido.

O presidente de DO explicou nun comunicado que a decisión vén provocada por “accións catalogadas como moi graves” de Álvarez.

Neste sentido, fala de “disidencia, menoscabo da imaxe do partido e acusacións públicas graves”. Todo iso leva aparellada a “sanción máis grave”, que é a expulsión.

Pérez Jácome asegura que a decisión está aprobada pola Asemblea Xeral de Democracia Ourensá. Antes xa se lle abrira un expediente ao ex vicepresidente.

Acusacións persoais

Máis aló de cuestións políticas, acusa a Álvarez de non ter pagado “nunca” unha cota de afiliación nin ter feito “donación económica desde 2001 a 2015”, salvo “seis euros que pagou como gastos de notario cando se fundou o partido”.

Jácome afirma que todos os gastos de partido e campañas correron da súa conta. Di que axudaron Rafa Reporter e Armando Ojea. “Xusto é dicilo, tamén aportou Miguel Caride como letrado gratuíto, malia que non gañásemos moitos xuízos”, destacou, como mensaxe envelenada para o líder dos edís críticos.

Nuns días, unha nova reunión da asemblea decidirá sobre a futura vinculación co partido de María Teresa Rodríguez, Miguel Caride, Mario González e María Dibuja. Todos eles marcharon ou foron destituídos dos seus cargos no Consistorio tras denunciar as sospeitas sobre Jácome ante o Ministerio Público.

Comentarios