O BNG denuncia que o PP converteu a Delegación da Xunta e o Porto de Vigo "nun alpendre de cadros fracasados"

O BNG de Vigo esixe ao Partido Popular que non use as institucións da cidade como "alpendre para apoltronar cargos"

Xabier P. Igrexas, candidato e portavoz BNG en Vigo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Xabier P. Igrexas, candidato e portavoz BNG en Vigo. (Foto: Nós Diario)

O BNG de Vigo esixiu esta cuarta feira ao PP "que deixe de xogar coas institucións de Vigo como os seus alpendres para apoltronar cargos", e censurou que a delegación da Xunta ou o Porto da cidade se converteran nunha “especie de Senados locais nos que ter en reserva os seus cadros fracasados".

Así o trasladou o candidato e próximo portavoz municipal nacionalista na cidade olívica, Xabier P. Igrexas, nun comunicado no que advertiu de que sería "inxustificábel" que, "por segunda vez", a candidata do PP á Alcaldía, Marta Fernández-Tapias, "fuxa do seu desempeño na oposición para garantir un posto mellor".

Fernández-Tapias, “atrincheirada”

Para Igrexas, "é indecente o baile de nomes no PP" para ocupar cargos como a Delegación da Xunta ou a presidencia da Autoridade Portuaria, e reclamou a Marta Fernández-Tapias, "que aclare se vai tomar posesión da súa acta como concelleira" (unha pregunta que a popular evitou responder ao longo do transcurso da campaña electoral que culminou o pasado 28 de maio) ou se se vai "atrincheirar" na delegación da Xunta ou nalgunha Secretaría Xeral da Xunta. Fernández-Tapias foi unha das grandes derrotadas dos comicios do pasado domingo, pois saíu das urnas con 5 actas e fechando o segundo peor resultado dos populares en Vigo. Esta derrota podería alentar a decisión de non tomar acta como concelleira. 

Unha posíbel marcha da candidata sería, segundo o BNG, "unha nova estafa" ao seu propio electorado. "O Concello de Vigo non é un segundo prato, as viguesas e vigueses non merecen ese desprezo", proclamou Xabier P. Igrexas.

Así e todo, Marta Fernández-Tapias é, xunto con Luísa Piñeiro (presidenta do PP pontevedrés), unha das favoritas dos populares para presidir a Deputación de Pontevedra, un cargo que non podería ostentar se non toma acta como concelleira na cidade viguesa. 

O nacionalista tamén criticou os "malos tratos" do PP cara o Porto, por consideralo só "unha fonte de grandes salarios para os seus cargos", e lembrou que a terminal olívica é un "gran tractor económico" de Vigo, unha "institución chave" que "non merece acabar presidida por 'segundoxénitos' do aparello do PP local como Miguel Fidalgo".

 

Comentarios