Vox axitou esta semana contra o acollemento de migrantes en Monforte: "A maioría deles nin sequera son menores"

"O que si sabemos con certeza é que moitos deles xa cometeron delitos e xa teñen comportamentos violentos nos seus países de orixe, que, sen ningunha dúbida, replicarán aquí", chegou a afirmar o portavoz da formación de extrema dereita en materia de Inmigración, Interior e Seguridade, Samuel Vázquez.
Isabel Pérez Moñino e Samuel Vázquez, representantes de Vox, durante unha comparecencia na que pediron a expulsión de migrantes. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
Isabel Pérez Moñino e Samuel Vázquez, representantes de Vox, durante unha comparecencia na que pediron a expulsión de migrantes. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

A formación de ultradereita españolista Vox, nunha nota de prensa remitida aos medios, axitou a pasada terza feira contra o acollemento na Galiza a raíz do anuncio da Consellaría de Política Social sobre a creación dun centro específico para menores migrantes no municipio de Monforte (Terra de Lemos).

Neste sentido, o portavoz da formación de extrema dereita en materia de Inmigración, Interior e Seguridade, Samuel Vázquez, cargou contra os propios menores ao asegurar, sen achegar ningunha proba sobre estas acusacións, que "practicamente ningún" destes acollidos chega de escenarios bélicos e que "a maioría deles nin sequera son menores".

"O que si sabemos con certeza é que moitos deles xa cometeron delitos e xa teñen comportamentos violentos nos seus países de orixe, que, sen ningunha dúbida, replicarán aquí", persistiu o representante da formación de extrema dereita no seu ataque contra os menores migrantes.

Pola súa parte, o presidente de Vox Lugo, Jesús Rodríguez, afondou nestas mensaxes de ataque aos migrantes e acusou a Xunta da Galiza de "acceder a facer o traballo sucio do Goberno de Sánchez, sen importarlle a opinión dos veciños aos se lles impón unha convivencia non consentida sen ter en conta as repercusións".

Neste sentido, ese mesmo día, e tan só unhas xornadas antes do ataque sobre o centro específico para menores migrantes de Monforte, Isabel Pérez Moñino, voceira de Vox na Asemblea de Madrid e portavoz da 'Axenda España' na formación de ultradereita, anunciou a súa visita ao municipio de Monforte, "onde está previsto que se sitúe o primeiro centro específico para menores inmigrantes da Galiza".

Visita a Monforte e odio nas redes

Sen que haxa ningunha nova sobre se a representante de ultradereita persistirá na súa intención de visitar o centro de Monforte ou non tras os ataques recibidos polo edificio de acollemento, segue polo de agora previsto que a deputada na Asemblea de Madrid compareza desde a localidade da Terra de Lemos, onde se prevé que estea acompañada polos catro máximos representantes de Vox na Galiza.

Neste contexto, están a ser analizadas mensaxes que circulaban previamente ao ataque contra o centro de Monforte por redes sociais nas que se afirmaba, de forma claramente racista contra estes menores, que "isto arránxase con gasolina". Unhas afirmacións que chegaron tras as duras palabras da formación de ultradereita contra os migrantes.

Preocupación polos discursos de odio

Tras o ataque ao centro, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, condenou "enerxicamente" a agresión con varios cócteis Molotov ao edificio que albergará o novo centro específico de menores migrantes da Xunta da Galiza. Neste contexto, pediu ao PP que "desterre os discursos de odio".

"É unha mecha moi fácil de acender e moi difícil de apagar", destacou. A formación nacionalista ve "con preocupación" un PP que "importa un discurso racista e de odio" contra os menores migrantes, quen, segundo subliñou a portavoz do BNG, "perderon ás súas familias e necesitan unha oportunidade".

Na mesma liña, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, sinalou que este tipo de delitos son "consecuencia directa dunhas mensaxes e dunha ideoloxía que hai que parar entre todos". "Non podemos consentir que se sigan producindo, esas actitudes merecen o noso desprezo e a nosa condena clara", engadiu.

Pola súa parte, a secretaria xeral do PP, Paula Prado, aproveitou a agresión ao centro específico para menores de Monforte para cargar contra a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e estabelecer unha comparanza entre esta agresión e as protestas solidarias con Palestina durante a Volta ciclista.

"Hoxe, co ataque ao centro de menores de Monforte, Ana Pontón di que 'a mecha do odio é fácil de acender e difícil de apagar', mais hai unha semana estaba incitando á violencia en La Vuelta e alenta o alboroto sempre que pode. A hipocrisía do BNG en todo o seu esplendor", afirmou.

Comentarios