GALERÍA | Este é o estado do centro específico para menores migrantes de Monforte tras o ataque con cócteis Molotov
O centro específico para menores migrantes que se ía abrir na Galiza no municipio de Monforte (Terra de Lemos), cedido pola Asociación Prodeme (de apoio e servizos ás persoas con discapacidade intelectual) á Consellaría de Política Social, apareceu incendiado e coas xanelas esnaquizadas este sábado, segundo puideron confirmar a Nós Diario fontes próximas ao centro. Os primeiros indicios apuntan ao lanzamento de varios cócteis Molotov (bombas incendiaria de fabricación caseira) a través dunha das xanelas do lateral do edificio que tería causado importantes danos na propiedade de Prodeme cedida para o centro específico para menores migrantes. Os feitos terían acontecido durante a noite, ás 3 horas da madrugada deste sábado, momento no que saltou a alarma. Como consecuencia, a parte do comedor, que foi onde se produciu o incendio, quedou esnaquizada ocasionando numerosos danos materiais, mentres que o resto do edificio está afectado polo fume.