As vivendas colaborativas reducen as prazas de doentes

A Consellaría de Política Social e Xuventude da Xunta da Galiza emitiu unha orde que rebaixa de 5% a 3% as prazas mínimas exixidas para os coidados de enfermaría en vivendas colaborativas.
Residencia de Maiores de Quiroga. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Residencia de Maiores de Quiroga. (Foto: Nós Diario)

A normativa supón homologar estas vivendas ás condicións que xa foron flexibilizadas para as residencias da terceira idade en xaneiro do ano 2021. A nova normativa, publicada no Diario Oficial da Galiza (DOG) e asinada pola conselleira de Política Social, Fabiola García, muda os requisitos específicos das vivendas colaborativas e estabelece, dentro das zonas de uso común, que as habitacións para a atención a residentes que, polo seu grao de dependencia, requiran coidados de enfermaría representen 3% do total das prazas para a súa atención diúrna ou nocturna.

Neste sentido, destaca unha baixada de dous puntos na reservas de camas para enfermaría neste tipo de dotacións. A Xunta da Galiza xustifica a decisión en que supón "o mesmo requisito específico" das zonas de enfermaría xeriátrica das residencias. Nesta dirección, expón que estas habitacións para coidados poden "ser utilizadas para outras finalidades", por exemplo para persoas convidadas, cando non se precisen para a atención ás usuarias e usuarios.

Residencias de maiores

Porén, a diferenza das residencias de maiores, as estancias para coidados a dependentes das vivendas colaborativas son de tipo individual ou de camas dobres. As vivendas colaborativas son un tipo de centros de atención a maiores que ofrecen unha maior autonomía. Están limitadas a un máximo de 150 persoas que, con carácter xeral, deben ter polo menos 55 anos.

Asemade, dentro das zonas comúns dos equipamentos, que inclúen recepción e salas para realizar actividades, entre outras, a normativa galega esixe ter habitacións para a atención de persoas dependentes

Comentarios