O investimento da Xunta por persoa baixa 60 euros co aumento da inflación

O investimento por habitante da Xunta para 2023 vai ser de 4.319 euros, cifra que fica 60 euros por baixo do gasto por galego e galega en 2022, unha vez actualizada a suba do custo da vida conforme ao IPC. O orzamento para 2023 fica por baixo do aumento medio das contas en Educación ou dinamización do medio rural.
O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, onte nun acto público en Santiago de Compostela. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, onte nun acto público en Santiago de Compostela. (Foto: Xunta da Galiza)

O proxecto de Orzamentos da Xunta da Galiza para 2023 recolle no seu informe económico e financeiro o repartimento do investimento por habitante desde un punto de vista territorial, focalizado nas provincias. Uns datos que permiten, ademais, saber segundo o cálculo do Goberno galego, cal é o investimento por residente previsto nas contas para 2023: 4.319 euros por habitante. A cifra supón un aumento a respecto do gasto por persoa contemplado nos orzamentos de 2022 (4.021 euros) mais ese aumento fica deglutido polo aumento do custo da vida. Esa suba do IPC (Índice de Prezos ao Consumo, 9,2% en setembro) fai que eses 4.021 euros orzados no ano pasado equivallan hoxe a 4.379. Iso representa 60 euros máis de investimento por habitante na Galiza que o que o Executivo que preside Alfonso Rueda prevé destinar en 2023.

Esta mesma situación repítese nese reparto territorial 'provincializado' recollido no informe económico e financeiro das contas para 2023. Aplicado o filtro da inflación, o gasto por habitante na Coruña, Lugo e Ourense previsto para o vindeiro ano fica por baixo do que se aprobou para o presente exercicio, 2022. 70 euros menos no caso da provincia coruñesa, 32 na de Lugo e 69 na de Ourense. Fica á marxe desta tendencia Pontevedra, onde si que vai ser maior o investimento por persoa (11 euros máis).

Subas e baixadas

Os orzamentos para 2023 —12.620 millóns de euros— supoñen un incremento de 8,5% a respecto dos presupostos elaborados para 2022. Mais no capítulo de investimentos, non todas as partidas soben nesa mesma porcentaxe.  Así, fica por baixo, por exemplo, Sanidade, se ben aumenta en 8,28%. Son 4.742 millóns de euros. Ou Educación, onde o aumento do destinado en 2022 ao que se destina en 2023 é de algo menos de 4%.

Estas son as dúas partidas máis grosas en canto a orzamento. En terceiro lugar, a débeda pública, que 'come' 1.414 millóns de euros do orzamento para 2023, o que supón un aumento de algo máis de 6%. Menos que a suba xeral dos orzamentos —ese 8,5%— pero bastante máis do que aumentou a partida para Educación. Tamén Actuacións ambientais (227 millóns de euros para o vindeiro ano) rexistra unha suba por baixo da media do conxunto: 3,5%.

Normalización lingüística e dinamización

A desagregación do proxecto de  orzamentos consonte a finalidade á que van destinados recolle que normalización lingüística terá en 2023 un presuposto de 10,9 millóns de euros, o que supón un aumento de 7,9%, tamén por baixo da media de aumento dos Orzamentos da Xunta da Galiza para ese ano. 

Eses 10,9 millóns de euros para 2023, ademais, son menos que os 13 millóns consignados en 2021 e fican moi afastados dos 22 millóns que se destinaran a normalizar o galego en 2009, a última conta do Goberno de coalición de PSdeG e BNG.

Para "Alta dirección" os presupostos para o vindeiro ano consignan un total de 43.493.1010 euros, un aumento de por volta de 7%. Mentres, no apartado de "Dinamización económica do medio rural" a suba é case imperceptíbel: só 0,1%.

Nos vindeiros días comeza o debate parlamentar destes orzamentos, que o Goberno prevé aprobar cara a decembro.

O Sergas gastará 768.119 euros en 2023 en capeláns para os hospitais

A Xunta vai destinar en 2023 un total de 768.119 euros para sufragar os gastos da contratación de capeláns de hospital na sanidade galega. Son case 30.000 euros máis que o que Goberno galego gastou en 2022 neste concepto. A suma dos catro últimos exercicios contábeis supera os 3,2 millóns de euros. Os datos do proxecto de orzamentos recolle as retribucións do persoal relixioso -41 capeláns de hospital a xornada completa e 11 a media xornada- por áreas sanitarias: 104.842 euros para a da Coruña-Cee, a mesma cifra para a de Lugo; 139.064 para a área de Ourense-Verín-O Barco; 129.07 para a de Santiago-Barbanza e outro tanto na de Vigo. O Sergas destina 112.907 euros a capeláns na área de Pontevedra e 48.390 na de Ferrol.

Comentarios