O debate político após o incendio de Pedrógão

Villares chama a atención sobre as similitudes entre o norte de Portugal e a Galiza

O portavoz de En Marea chama a reflectir "con prudencia" sobre a hipótese dun incendio similar ao de Pedrógão Grande viñer a ocorrer na Galiza.

unnamed
photo_camera Un momento da conferencia de imprensa

O portavoz do grupo parlamentar de En Marea, Luís Villares, ofereceu “a colaboración leal” da confluencia ao goberno galego para revisar a normativa en materia de prevención e seguranza contra os incendios.

"Cando ollamos para o país veciño vemos que temos unha similitude na forma de masa forestal, estrutura poboacional, na rede de comunicación viaria que afecta sobre todo o interior do noso país, ao que se suma. a situación de abandono do rural que provoca que o que antes eran espazos ordenados e aproveitados se convertesen en masa de combustíbel", dixo en conferencia de imprensa o líder da confluencia, quen compareceu canda o viceportavoz do grupo parlamentar, Antón Sánchez, e o concelleiro de Curtis por Asembleas Abertas, Xosé Manuel Tomé.

O monocultivo de eucalipto tamén emparenta Galiza con Portugal, nomeadamente co norte, enfatizou Villares, quen chamou a revisar a Lei de Montes de 2012 quer do ponto de vista da recuperación dos perímetros de seguranza (proibición de plantar perto das casas) quer no que atinxe á reconsideración da luz verde á recualificación dos usos dos terrenos que fosen pasto das chamas.

O portavoz de En Marea dedicou o groso da súa comparecencia a realizar un oferecimento de colaboración co goberno galego en materia de loita contra os incendios. En dous níveis. O primeiro, o plano lexislativo, visando a mudanza das normas e decretos. O segundo, o plano operativo, emprestando apoio ao goberno desde os concellos.

“Estamos na entrada do verán e temos que chegar ben preparados, todos os medios son poucos. Falamos dun problema de seguranza das persoas e En Marea ofrece a súa colaboración leal na mellora das condicións da protección da nosa poboación”, concluíu Villares. 

Comentarios