Parlamento

A Valedora advirte do impacto da crise nas persoas "vulnerábeis"

A oposición ve no informe un resumo dos problemas do país.
Dolores Fernandez Galiño, esta terza feira, en comparecencia parlamentaria. (Foto: Arxina)
photo_camera Dolores Fernandez Galiño, esta terza feira, en comparecencia parlamentaria. (Foto: Parlamento)

A Valedora do Pobo, Maria Dolores Fernández Galiño, compareceu esta terza feira no Parlamento galego para dar conta do informe anual desta institución. Fernández resaltou que 2022 "presentábase como o ano da recuperación" mais "trouxo consigo" cuestións como a guerra da Ucraína e o aumento de prezos. Un marco, advertiu, que "provocou unha situación económica que afecta en especial as persoas con maior vulnerabilidade". Incidiu en que algunhas das áreas que máis actividade concentran para a Valedoría son saúde e sanidade, educación, inclusión social, medio ambiente e os dereitos correspondentes ás corporacións locais.

Para o PP, a exposición da Valedora do Pobo mostra que a Galiza "vai polo bo camiño". "Por moito que lles pese, a Galiza non para e segue avanzando con máis e mellores servizos públicos", destacou Paula Prado (PP) na súa quenda.

O BNG e o PSdeG advertiron de que "os problemas" da cidadanía en ámbitos como sanidade, educación, dependencia e dereitos lingüísticos "continúan" aí "ano a ano", pois "as receitas non cambian" por parte do Goberno galego.

O nacionalista Daniel Castro lamentou que, pola exposición da Valedora do Pobo, dedúcese que "ano a ano" cuestións como o máximo legal para estabelecer as valoracións sobre a dependencia "vólvese superar".

No relativo ao transporte, entende o BNG que o PP "esquece as pequenas e medianas empresas" e só "queren" as "dos seus amigos". Mentres, segue sendo "imposíbel" vivir as "24 horas" en galego, algo ante o que reprochou ao Executivo galego "14 anos de silencio".

Noelia Otero (PSdeG) falou da "dificultade" para conseguir unha cita en Atención Primaria, algo que "continúa" despois dos anos de pandemia e pospandemia malia as promesas da Xunta. No transporte escolar, expuxo, "falta seguridade" e hai "impuntualidade", porque os contratos "priman a empresa e non o alumnado", dixo a parlamentaria socialista.

Comentarios