Eleccións Europeas 9-X

Últimas horas para solicitar o voto por correo nas europeas

O prazo para solicitar o voto por correo remata esta quinta feira, mais o voto poderá emitirse até o 6 de xuño.
Unha persoa asinando a solicitude de voto por correo. (Foto: Gabriel Luengas / Europa Press)
photo_camera Unha persoa asinando a solicitude de voto por correo. (Foto: Gabriel Luengas / Europa Press)

O prazo para solicitar o voto por correo para as eleccións europeas finaliza esta quinta feira, 30 de maio, aínda que os cidadáns e cidadás que cursen a solicitude teñen aínda até o próximo 6 de xuño para poder depositalo en calquera oficina de Correos do Estado español no seu horario habitual. As persoas electoras que elixan este sistema de votación poden solicitalo até esta quinta en calquera oficina de Correos ou por internet, a través da páxina web www.correos.es, utilizando o DNI electrónico ou un certificado dixital válido.

A partir de aí, Correos dispón de prazo até o 5 de xuño para entregar o sobre con toda a documentación necesaria —incluídas as papeletas— no enderezo que indicase a persoa solicitante. Como en anteriores citas electorais, os repartidores e repartidoras de Correos tentarán entregar persoalmente ao votante até un máximo de dúas veces a documentación. Tras iso, deixarán un aviso de chegada para a súa recollida na oficina postal correspondente. O depósito do voto deberá efectuarse nos horarios habituais das oficinas postais.

Unha vez solicitado o voto, o elector terá de prazo até a quinta feira 6 de xuño para depositar a documentación en calquera oficina de Correos do Estado. Alí, o persoal de Correos exixirá ao votante que se identifique co DNI ou un documento análogo.

Delegar o voto

As persoas que solicitaron o voto por correo pero non poidan acudir persoalmente á oficina de Correos para depositar o voto deberán outorgar unha autorización para que a entrega sexa realizada por outra persoa no seu nome. A autorización deberá ser asinada polo elector e acompañarse da fotocopia do seu documento nacional de identidade, pasaporte ou outro documento oficial identificativo, así como da fotocopia do documento identificativo da persoa á que autoriza.

Para facilitar a redacción dese documento de autorización con todos os datos necesarios, Correos recomenda utilizar o modelo de autorización que se pode descargar na web www.correos.es.

O persoal de Correos non aceptará a entrega de documentación electoral pertencente a outro elector se non se acompaña da correspondente autorización asinada polo elector, que deberá ser conservada, xunto á fotocopia do documento oficial acreditativo do elector e de quen entrega no seu nome a documentación electoral, para a súa remisión á Xunta Electoral de Zona correspondente.

Comentarios