Debate de investidura

Pedro Sánchez volve ser investido presidente do Goberno español

O reelixido presidente do Estado español, Pedro Sánchez, esta quinta feira no Congreso (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
O candidato do PSOE obtivo 179 votos a favor e 171 en contra.

Tal e como era esperado, o candidato do PSOE á Presidencia do Goberno estatal, Pedro Sánchez, volveu obter a confianza do Congreso español e revalidou a Moncloa. Así o fixo con 179 votos a favor (do BNG, PSOE, Sumar, ERC, Junts, EH Bildu, PNV e Coalición Canaria) e 171 en contra (do PP, Vox e UPN).

A segunda xornada do pleno de investidura comezou coa palabra de a palabra Mertxe Aizpurúa, de EH Bildu, que pide a Sánchez contundencia para denunciar a actuación de Israel e reclamar o fin da ocupación sobre Palestina: “O que está acontecendo en Palestina non é unha guerra, é un xenocidio”. Ademais, a deputada de EH Bildu lembrou que “non hai un Goberno progresista no Estado que sexa posíbel sen o soberanismo vasco, galego e catalán”.

Sánchez lembrou a Aizpurúa as “diferencias nos nosos proxectos políticos", mais apostou por "chegar a acordos para avanzar". Neste sentido, díxolle, "non podo prometer que vou satisfacer todas as súas demandas, mais si que vou estar disposto a escoitar e dialogar. O diálogo con vostedes foi frutífero na pasada lexislatura e estou convencido de que o volverá a ser”.

A seguinte quenda foi a de Aitor Esteban, portavoz do PNV, que afeou a oposición frontal do PP sobre a lei de Amnistía: “É unha escusa para non aceptar o resultado electoral e pedir unha repetición electoral. Todos sabíamos que o proceso ía rematar así e así tiña que rematar”.

Ao igual que Esteban, o deputado do BNG, Néstor Rego, tamén lembrou ao comezar a súa intervención a situación en Palestina: “Israel está a cometer a vista de todo o mundo crimes de guerra e de lesa humanidade. Por iso, dá vergoña a actitude dunha Unión Europea que está baixo o xugo do imperialismo americano. Non é suficiente con pedir un Estado para Palestina. Netanyahu debe responder polo seus crimes e iso é o que debemos defender”.

Tras citar diferentes medidas incluídas nos puntos do acordo de investidura entre o BNG e o PSOE, asegurou ser consciente de que un Goberno do PP na Galiza "non fará nada" por reclamar as competencias pendentes. Por iso, dixo que a súa formación traballa para que despois das próximas eleccións galegas haxa un goberno na Xunta liderado polo BNG.

O candidato, Pedro Sánchez, contestou ao deputado do BNG apuntando que “con este acordo [co BNG] repararanse os anos de retroceso que viviu a Galiza cos Gobernos conservadores”. Ademais, engadiu que “co PP na Xunta, en 13 anos, non se construíu nin unha soa residencia para maiores e fecháronse 138 colexios”.

O nacionalista tamén saudou a reflexión de Sánchez sobre o líder do PP: “Gústanos que corrobore, señor Sánchez, o que nós levamos tempo dicindo, que Alberto Núñez Feixoo non é un bo xestor, que tan só o é para os intereses de determinadas grandes empresas, fronte ao que tempo atrás se veu dicindo desde algúns cargos de Sumar a respecto de que Feixoo era do mellor que tiñan no PP”.

“Paréceme ben, señor Sánchez, que fixera mención a algunhas das intervencións da pasada lexislatura na Galiza como consecuencia do anterior pacto de investidura co BNG, como a actuación na ría do Burgo, que debería ter continuidade noutras rías galegas. Uns acordo cuxo impacto trata de minimizar o PP, mais o que si lle digo, señor Sánchez, o que é fundamental é que cumpra estritamente estes acordos”, concluíu o deputado do BNG. En resposta, Sánchez reiterou o seu compromiso cos acordos asinados co BNG: “Imos cumprir coa axenda galega”.

Despois da palabra de Rego foron as intervencións de Coalición Canaria, UPN e PSOE, así como as contestacións do candidato a cada unha destas forzas. A anécdota da xornada chegou cando Patxi López, o portavoz socialista, afirmou: “Cando un di como Miguel Tellado (PP) que o presidente debería saír do Estado español no maleteiro dun coche tan só demostra o que é, un antidemócrata, e que el é o que debería saír desta Cámara”.

Ante isto, Tellado pediu a palabra para contestar a Patxi López por alusións, ao que lle dixo que intenta manter o seu posto de portavoz tras que López lle afease dicir que Sánchez debería saír do Estado español no maleteiro dun coche. Porén, o deputado do PP non retirou esas palabras nin fixo mención ás mesmas.

O debate rematou cun agradecemento nas catro linguas oficiais de Pedro Sánchez aos 179 deputados e deputadas que lle outorgaron a Presidencia do Goberno español. Tras un receso de 10 minutos, comezaron as votacións, que resultaron co candidato socialista volvendo ser investido.