Turismo xustifica pagar á canle de Javier Negre porque ve "Galiza en positivo"

Arangüena denuncia "prevaricación" a prol de EDATV.
Pablo Arangüena intervindo no Parlamento da Galiza (Foto: Nós Diario).
photo_camera Arangüeña di que se "fraccionou ilegalmente" os pagamentos.

O portavoz de Política Institucional do PSdeG no Parlamento, Pablo Arangüena, acusou esta quinta feira na Cámara ao Goberno galego de pagar á empresa do "ultra" Javier Negre, EDATV, 50.000 euros fraccionados en 3 contratos para poder adxudicalos “a dedo” e sortear o procedemento aberto. Sobre esta cuestión xa informara Nós Diario o pasado mes.

Arangüena dixo que  estes contratos foron “disfrazados como promoción do Camiño de Santiago” e formalizados coincidindo coa marcha de Alberto Níñez Feixoo a Madrid. Sinala que “todo apunta na miña opinión a que o Goberno [galego] incorreu en prevaricación porque fraccionou irregularmente un contrato que debera ser aberto á concorrencia competitiva.

Ademais, dixo, “nin sequera prestaron o servizo” polo que foi contratado, porque “non hai promoción do Camiño” máis alá de que a través da súa "canle de Youtube afín á extrema dereita e nas súas redes" informara de que iniciaba o Camiño.

O responsable socialista acusou a Feijóo de “regalarlle cartos de todos os galegos e as galegas a un ultra difamador que cada día carcome os fundamentos da nosa democracia”, e de facelo “xusto antes de irse a Madrid, pero tamén para que difame, ataque e vilipendie a todos os que non comulgan coa ideoloxía das dereitas”. Criticou que “financie con cartos públicos a medios afíns a Vox para que o traten ben”, o que “o inhabilita como candidato á presidencia do Goberno”.

Apunta que “o que fixo o Goberno de Feixoo é un atentado contra a democracia, porque financia irregularmente con cartos públicos a un medio e a un xornalista que agrede á democracia, que sementa odio, bulos e fake news, como declararon varias sentenzas antes e despois”.

Aludiu a que o xornalista “foi condenado xudicialmente en 4 ocasións por mentir e difamar e faltar a calquera tipo de ética coa súa actividade”, unha delas “por inventar unha entrevista cunha vítima de violencia” e outras 3 pola súa actividade durante o Estado de Alarma nunha canle de YouTube que foi pechada en 20 ocasións por infrinxir a política de acoso e ameazas da plataforma.

Na súa resposta, Nava Castro, da Axencia de Turismo da Galiza defendeu a legalidade do procedemento e sinalou que os medios de comunicación "nas súas diferentes liñas", veñen á Galiza porque a ven "en positivo".

Comentarios