MARILAR ALEIXANDRE / ENTREVISTAS ARREDOR DA UNIDADE

“Traballamos por unha candidatura unitaria, un punto de encontro para os partidarios do cambio”

Este sábado Compostela acolle baixo o lema 'Construíndo a unidade' unha xornada impulsada polo Encontro cidadán. Falamos con Marilar Aleixandre, integrante da Coordinadora da 'marea.gal'.

marilar aleixandre- xerais
photo_camera Foto: Xerais

- Após a elección da Coordinadora, integrada por 7 persoas, que rumo toma o Enconcotro cidadán por unha marea galega (Ecmg)?

- A elección dunha Coordinadora era algo que se facía necesario e que xa se tiña en mente desde o inicio. O 'grupo impulsor', por definilo así, do que callou neste Encontro Cidadá eramos sobre todo xente de Compostela e nós tiñamos claro que isto era algo moito máis amplo. Queriamos que a Coordenadora non fose simplemente reflectir o 'grupo impulsor', senón que toda a pluralidade e voces que hai estivesen e se sentisen representadas. De feito, na Coordenadora só hai 3 persoas do 'grupo impulsor'.

- Este sábado 12 de setembro hai un novo encontro, que vós calificades de 'xornada pola confluencia'. Que se procura con el?

- Están convidadas as marés municipais que hai no país, unhas 70, os movementos sociais, as organizacións políticas, as e os cidadáns que queiran participar... Entendemos o do sábado como un paso máis dentro dun proceso que non comeza agora. A xuntanza que tivemos o 22 [de agosto, refírese ao 'I Encontro por unha marea galega'] foi un avance e agora seguimos a camiñar nesa dirección, sendo parte da cidadanía que está aí, achegando. Teño claro que a cidadanía galega demanda unha candidatura polo cambio. A esa cidadanía é á que nos diriximos, esa xente que quere unha candidatura unitaria, que faga forza, que achegue a ese proceso constituínte que se pode dar...

“A cidadanía galega demanda unha candidatura de unidade”

- E que papel xogan as diferentes organizacións políticas?

- As mareas ensinaron unha cousa moi importante: un proceso no que persoas sen afiliación participan e involúcranse en política. Invalida isto aos partidos? Non, claro, son axentes moi importantes. O que nós pedimos a estas organizacións que participen no encontro é que digan o que poden achegar cada un deles a esa candidatura unitaria. Que cada partido explique o que entende que pode achegar a este proceso común. Porque estamos nun momento no que a xente espera que haxa unha candidatura común.

- Ese vai ser, logo, un dos campos do encontro do sábado, que os partidos se pronuncien...

- Vai haber unha mesa de partidos, por decilo así, mais tamén grupos de traballo en diversos ámbitos. Queremos que a xente participe e se dea unha discusión produtiva a respeito de certas cuestións. Unha delas, o programa, partindo de reducir as diferencias que poida haber e pulando por construír consensos. Un consenso, por exemplo, é a defensa do público, que é algo que une a todos. Tamén haberá que debater a fórmula xurídica da candidatura: partido instrumental? Coligazón? Outras fórmulas?. E o Código ético tamén é outra das cuestións en torno á que falar.

“Nós e Iniciativa pola Unión estamos turrando polo mesmo”

- A cuestión do grupo parlamentar galego segue sobre a mesa. Está o Encontro cidadán a favor?

- No noso manifesto citamos xa a cuestión do grupo parlamentar galego. Remítome aí, ao acordado pola xente naquela xuntanza que tiveramos en Santa Susana [a primeira deste colectivo, feita na primavera] A nós impórtanos para que é ese grupo parlamentar, a finalidade do mesmo. Que pretendemos con ese grupo? Nós o que pretendemos é mudar o goberno e aí habería que cooperar con outras forzas. O grupo parlamentar galego ten que ser unha ferramenta do cambio.

Hai xente que cando se fala de grupo parlamentar parece que se limita a facer un cálculo matemático, porque para ter grupo parlamentar hai que obter máis do 15% dos votos nas catro provincias galegas. E hai outra xente que pensa no grupo e na candidatura unitaria porque aposta no cambio político. É como partillar piso (rí): hai quen o fai coa simple mentalidade de partillar gastos e hai quen o entende como algo máis, como convivencia (rí).

- Encontro Cidadán e Iniciativa pola Unión. Dúas plataformas a falar da necesidade dunha candidatura unitaria. Vai haber confluencia entre elas?

- Hai até seis manifestos a prol dunha candidatura unitaria. Convidamos a todas ao encontro feito o pasado día 22 de agosto. Nós saímos á luz pública a mediados do pasado mes de xuño, a partir de aí xurdiron máis iniciativas que convocaban cousas similares, polo que deben ellas responder.

Nós iniciamos este camiño e se hai nova xente que aposta por percorrelo, pois benvidos. Nós tivemos xa unha reunión con 'Iniciativa pola Unión' e están convocados ao encontro deste sábado. Temos unha boa relación e estamos turrando polo mesmo, pola unidade.

- A arrancadeira: cre Marilar Aleixandre que vai haber unha candidatura única e unitaria?

- Son optimista. Desta vez danse as condicións para que haxa esa candidatura e a cidadanía, a xente, demanda iso. Repito, son optimista, se non o fose non estaría nisto (rí). Está ao alcance da nosa man; se cada actor neste proceso pensa no que pode achegar, creo que si, que a vai haber. Hai moita xente que está traballando para iso. Galiza estivo na vangarda do cambio nas pasadas municipais e queremos estalo agora.


 


 

Comentarios