Tellado descarta pedir cotas territoriais na nova dirección do PP

Alberto Núñez Feixoo xunto a Juanma Moreno e Cuca Gamarra á súa chegada ao XX Congreso do PP. (Foto: Eduardo Briones / Europa Press)
Miguel Tellado, que asume as competencias de dirección do partido en Galicia de forma temporal, asegura que estará "onde Feixoo pida"

O PP galego ve garantida "a galeguidade" do proxecto popular no ámbito nacional con Alberto Núñez Feixoo á fronte e evitou reivindicar calquera tipo de cota territorial nos órganos de dirección que sairán do XX Congreso extraordinario que ten lugar en Sevilla e que fechará de forma deficnitiva a etapa de Pablo Casado.

"Estarei onde queira Feixoo"

"Co principal peso pesado á fronte, a galeguidade no novo proxecto político está garantida estea quen estea no Comité Executivo e na Xunta Directiva Nacional", sentenciou o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, quen esta sexta feira, unha vez feita efectiva a renuncia de Feixoo, asume de forma temporal as rendas do partido na Galiza, conforme determinan os Estatutos.

Tellado estivo presente nas últimas quinielas para acompañar Feixoo no seu salto á política estatal. A preguntas dos xornalaistas á súa chegada ao Palacio de Congresos e Exposicións de Sevilla, evitou dar calquera pista. Iso si, asegurou que está a disposición para o que lle pida.

"Eu estarei onde o presidente Feixoo queira. Traballo para el e estarei onde el mo pida", manifestou.

Dirixentes e conselleiros

Con todo, dirixentes do PP dan por feito que o até o de agora presidente do PP galego contará con membros da formación cos que traballa habitualmente para os novos órganos de dirección que sairán do conclave de Sevilla.

El mesmo deu a entender que incorporaría en secretarías executivas a membros do seu Goberno na Galiza. Iso si, subliñou que estes cargos serían "compatíbeis" coas tarefas que desempeñan no territorio.

En clave galega, da mesa organizadora do congreso son parte a deputada Paula Prado e a presidenta do PP de Vigo, Marta Fernández-Tapias.

"Orgullosos"

Tellado destacou que o PPdeG valora "de forma moi positiva a ilusión" que percibe na cita de Sevilla e celebrou que Feixoo sexa visto como o líder que os afiliados queren "para toda España".

Así, subliñou que os populares galegos están "tremendamente orgullosos". "Creo que o importante é que o fagamos ben, que saibamos saír reforzados. Que isto sexa un punto de reinicio dun proxecto político chamado a constituírse en alternativa ao Goberno de Pedro Sánchez", apelou.

"É unha gran responsabilidade que asumimos no PP de España", proclamou, para concluír que existe a convicción de que os populares sairán de Sevilla "máis unidos e fortes, preparados para ser a alternativa real ao Goberno de Sánchez".