Os delegados perden peso na Xunta da Galiza

A sucesión de Feixoo condiciona os nomeamentos do Goberno
O secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda foi cualificado por Feixoo como “o sexto delegado territorial”. (Foto: EP).
photo_camera O secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda foi cualificado por Feixoo como “o sexto delegado territorial”. (Foto: EP).

A sede do Goberno galego en San Caetano acolleu onte o acto oficial de toma de posesión dos novos delegados territoriais da Xunta da Galiza. Unhas responsabilidades que non deixaron de perder peso nos últimos anos e cuxas competencias son simplemente administrativas. Neste sentido, as fontes do Partido Popular consultadas por Nós Diario destacan a escasa capacidade de decisión destes cargos e significan o seu papel “practicamente honorífico”. “As decisións tómanse en Compostela e non nas delegacións territoriais”, afirman.

O propio Alberto Núñez Feixoo insistiu nesta idea no acto de toma de posesión. Así, o presidente galego instou os novos delegados a “ser a cara e os ollos" do Executivo nos seus respectivos territorios e a actuar como "teléfonos de atención ao cidadán", centrando posteriormente a súa intervención nos seus antecesores. Nesta liña, desde o Partido Popular comentan a Nós Diario que “a maioría deles eran persoas con máis perfil político que os actuais” e destacan “o peso no partido de José Manuel Cores Tourís, Corina Porro ou José Manuel Balseiro”.

Os intereses do presidente da Xunta están determinando a conformación do actual Executivo galego. Se Feixoo introduciu mudanzas no seu Gabinete pensando no proceso de sucesión, o nomeamento dos delegados territoriais respondeu á mesma lóxica. A este respecto, fontes do PP poñen de manifesto en conversa con este medio que a elección tentou compensar aqueles dirixentes da organización que viron frustradas as súas aspiracións no proceso de composición do primeiro nivel do Executivo, resaltando que Feixoo consultou os nomeamentos cos presidentes provinciais.

Alfonso Rueda, o gran derrotado co actual Goberno, é compensado, en certa medida, co nomeamento das delegadas territoriais de Vigo e Pontevedra. A primeira delas, Marta Fernández-Tapias, antiga directora xeral da Administración Local, consegue imporse a Teresa Eguerique, a candidata proposta desde o PP vigués. A alcaldesa de Moraña, Luísa Piñeiro, toma o relevo de Cores Tourís na delegación de Pontevedra, unha responsabilidade á que chega avalada polo aparato do partido na zona, onde actualmente ocupa a secretaría de Organización.

Gonzalo Trenor é unha persoa de Diego Calvo, o presidente do PP coruñés e candidato seguro ao relevo de Feixoo. O novo delegado da Xunta na Coruña é un veterano militante do partido, parlamentario na anterior lexislatura e actual secretario xeral da formación na zona.

Ao elixido en Ourense, Gabriel Alén, antigo alcalde de Cenlle en substitución do histórico Manuel García Montero, tócalle xestionar nun contexto moi complicado, onde as diverxencias entre o presidente do PP ourensán, Manuel Baltar, e Feixoo gañan forza e o partido enfronta fortes divisións.

O novo delegado territorial de Lugo conta con aval de Elena Candia. A presidenta do PP en Lugo que ficou fóra do Executivo e que mantén un enfrontamento aberto con José Manuel Balseiro introduciu a Javier Arias Fouz en 2017 como xefe territorial da Consellaría de Infraestruturas e Vivenda. Arias Fouz é fillo dun antigo candidato do PP en Lugo e persoa próxima a Francisco Cacharro, Ramón Arias.

Comentarios