Couto, o home que priorizou a extinción fronte a ordenación durante 21 anos

O cesamento de Tomás Fernández-Couto na Dirección Xeral de Defensa do Monte pon fin aos seus 21 anos á fronte da xestión dos incendios forestais e da ordenación do monte galego. Iniciouse no cargo en 1996 e baixo a súa dirección consolidouse a expansión do eucalipto e a redución dos usos do monte a fins forestalistas e madeiristas. Investigacións por prevaricación, reiteradas peticións de dimisión e folgas laborais fixérono saltar á palestra durante dúas décadas. 
O ex director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández Couto, estivo á fronte da xestión forestal desde 1996 con Fraga (Foto: Xoán Crespo / Xunta da Galiza)
photo_camera O ex director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández Couto, estivo á fronte da xestión forestal desde 1996 con Fraga (Foto: Xoán Crespo / Xunta da Galiza)

A semana comezaba coa publicación no Diario Oficial da Galiza (DOG) do cesamento de Ángel Tahoces como director xeral de Enerxía e Minas. Ao xa ex alto cargo da Xunta, pendente de declarar como investigado por un posíbel delito de prevaricación ambiental pola reapertura da mina de San Finx (Lousame), seguiulle no DOG desta sexta feira, 27 de novembro, a publicación do cesamento doutro alto cargo de Alberto Núñez Feixoo:  o do até de agora director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto.

Este ferrolán iniciouse como director xeral á fronte da ordenación do monte e da xestión dos incendios en 1996, con Manuel Fraga na Xunta, e mesmo chegou a estar no cargo os primeiros meses do Goberno bipartito do PSdeG e BNG. Logo, en 2009, Feixoo recuperouno como director xeral.

Couto acumulou así 21 anos ao mando do monte baixo sete conselleiras e conselleiros e tres presidentes. Con todo, o seu declive xa comezou hai dous anos, cando Feixoo lle retirou as competencias de xestión do monte, creando a Secretaría Xeral de Ordenación e Planificación Forestal e deixándoo a el en Defensa do Monte. 

21 anos de extinción fronte a ordenación

Con el no cargo consolidouse a expansión do eucalipto e a redución das potencialidades económicas do monte ás forestalistas e madeiristas, fronte ás voces que reclamaban usos do monte diversificados e multifuncionais.

En materia de lumes a súa aposta pola extinción fronte á prevención foi criticada por partidos, sindicatos e colectivos ecoloxistas, mais tamén polo órgano fiscalizador das contas do sector público galego, o Consello de Contas, que lle recriminou empregar máis recursos á extinción que á ordenación.

O informe emitido por este órgano en 2013 sobre a fiscalización do programa de ordenación das producións forestais sinalaba que "aínda que o primeiro obxectivo do Plan forestal era a estruturación e capitalización dos espazos forestais, transcorridos máis de 20 anos desde a súa aprobación os esforzos orzamentarios séguense concentrando no programa de prevención e extinción de incendios”, e engadía que entre 2008 e 2012 "a maior dotación de créditos para as tarefas de prevención e extinción acrecéntase na execución orzamentaria, onde o peso relativo das tarefas de extinción acadan 66,46%, relegando as tarefas de ordenación forestal a 33,54%".

Prevaricación

Couto acabou sendo foco dunha investigación -que resultou arquivada- debido á adxudicación do servizo de helicópteros contraincendios. No ano 2012 a CIG denunciou unha adxudicación a dedo de 6,6 millóns á empresa Inaer para contratar o servizo de transporte en helicóptero de brigadas e a Xunta argumentou que a non realización de concurso nin a solicitude de ofertas se debeu á proximidade da época de lumes.

Ao ano seguinte a Xunta si convocou concurso, presentouse Inaer e outra empresa con experiencia, mais o Goberno galego declarouno deserto, abrindo outro procedemento con empresas convidadas ao que só concorreu Inaer, que resultou adxudicataria.

"A Consellaría debeu convocar un novo procedemento aberto", dixo o Consello de Contas sobre o caso no seu informe de 2014, sinalando irregularidades en contratos de 2008 a 2012 en que Inaer resultou adxudicataria. 

PSdeG, BNG e outras formacións que estiveron na oposición ao PP, como En Marea, pediron en múltiples ocasións a dimisión de Couto e sinalaron a boa nova da súa destitución aínda que advirten de que a situación non mudará se o PP segue a mesma política forestal.

Ademais, este verán exixiron o seu cesamento colectivos ecoloxistas como Adega pola xestión dos lumes no Xurés e no macizo central e en agosto Couto afrontou a folga do persoal técnico do servizo de prevención de incendios que exixía melloras na coordinación, maior seguridade e ampliar o persoal desta área.

Comentarios